Apostas que poden aportar

Adrián Rubio VIGO

GRADA DE RÍO

Óscar Vázquez

26 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Considero que as tres fichaxes do Celta poden aportar cousas ao equipo. Javier Manquillo é un xogador con experiencia, un lateral cumpridor, e creo que lle vai dar bastante ao equipo nun posto no que desaparece Óscar Mingueza. Creo que era unha incorporación necesaria e se o respectan as lesións e vai collendo ritmo de xogo, penso que é un futbolista que lle vai moito ao equipo, porque me parece un xogador de nivel.

Cando chegou, Jailson tivo dous ou tres partidos no que si o puidemos ver. Co Amorebieta gustoume e en Mallorca, en liga, víronselle carencias, pero igual era porque entón lle faltaba ritmo de xogo ou por falta de adaptación. Opino que por agora non hai minutos suficientes para facer unha valoración completa del, pero considero que é un tipo de xogador que pode necesitar o Celta.

A Tadeo Allende tampouco o vimos tanto, pero no tempo que xogou, demostrou implicación, traballo, esforzo físico non lle vai faltar e ademais ten velocidade para o desborde e achégase bastante ao gol; ten moi boa pinta, unha boa idade e un futuro prometedor. Paréceme que é un xogador que se pode adaptar moi ben ao fútbol europeo, porque creo que ten máis de xogador europeo que de sudamericano. Pode adaptarse moi ben ás esixencias da liga e entendo que é unha boa aposta.