Termas Celestes ultima a Romaría Celtista que se celebrará os días 7 e 8 de xuño en Ourense 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

MERLEGOS CELESTES - SECCIÓN VIANA

Os organizadores esperan reunir a arredor de 250 ou 300 celtistas na segunda fin de semana de xuño 

30 may 2024 . Actualizado a las 08:30 h.

A peña celtista de Ourense Termas Celestes organiza a fin de semana do 7 e o 8 de xuño a tradicional Romaría Celtista que puxo en marcha Merlegos Celestes no ano 2015 en Santiago e que se leva celebrando desde aquela coa excepción do parón obrigado pola pandemia. Conta o presidente da agrupación anfitrioa, José Ramón Quintela, que foron eles quen quixeron ser os encargados de continuar con este evento que, nesta ocasión contan con que reúna na capital ourensá a arredor de 250 ou 300 celtistas.

Xa hai un par de anos que se plantearan asumir esta responsabilidade, pero decidiron esperar ao momento idóneo. «Nese momento, non estabamos en condicións, porque se necesita xente comprometida e queriamos estar á altura. Este ano si que o pedimos, decidímonos e estamos moi contentos de traer a Romaría a Ourense, unha vila que historicamente é celtista», subliña Quintela. O seu obxectivo é claro: «Queremos achegar á nosa cidade o que son as festas dos días de partido en Balaídos», engade.

Pero tamén queren que os que xa coñecen ben ese ambiente do estadio vigués se empapen de Ourense, de aí que fagan un roteiro de pinchos polo casco vello do municipio. Outra consigna que estableceron foi ter moi en conta aos máis cativos. «Queriamos ampliar a romaría nese sentido e que estean moi presentes os nenos, que son o futuro do celtismo. Sen eles, as peñas morren», advirte. Haberá inchables e toro mecánico pensando nos máis pequenos.

Están moi agradecidos ás peñas que lles botaron unha man na organización, en especial, a aquelas que xa foron organizadoras e que seguen moi implicadas para que o evento siga saíndo adiante cada ano. «Están moi dispostas a axudar e agradécese moito», engade. As entradas están á venda no bar Movie, así como nas dedes de peñas como Carcamäns our Siareiros Dezaos. Tamén se poden xestionar por WhatsApp a través do número 608 441 341. Quintela convida a todo o celtismo a que se achegue a gozar con eles dunha fin de semana que levan preparado con moito mimo.

Trala primeira edición, organizada por Merlegos en Santiago, chegou o turno de Siareiros Dezaos, en Lalín no 2016. Os seguintes organizadores foron a Peña Muradana Pepa Loba en Muros (2017), Carcamäns na Illa de Arousa (2018) e, no 2022, logo do parón, a Peña Avelo de Ribeira, seguida de Viana do Bolo, coa sección correspondente de Merlegos, o ano pasado. Entre medias, Nigrán estivo designada como sede, pero finalmente a Peña Jorge Otero non puido desenvolvela e viuse na obriga de renunciar.