Hugo Álvarez: «Quédame moito por mellorar, levántome con esa idea cada día»

X.R.C. VIGO

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

«O Celta é o club da miña vida, o que apostou por min cando era pequeno», di o ourensán, para quen non sería un pau non estar no primeiro equipo

07 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hugo Álvarez Antúnez (Ourense, 2003) é un dos nomes propios da recta final de tempada do Celta. Claudio Giráldez apostou por el dende a súa chegada a primeiro equipo e o carrileiro converteuse en peza clave para a permanencia en Primeira División. Agora regresou ao Celta Fortuna para unha fase de ascenso na que soña cun final feliz, aínda que recoñece a dificultade de eliminar ao Málaga. En clave persoal, di que non lle importaría non estar no primeiro equipo o vindeiro curso e que o seu único pensamento é erguerse cada día para seguir mellorando no que considera o club da súa vida.

—Como cualificaría a súa tempada?

—Unha tempada de aprendizaxe, sabemos que disfrutar de partidos en Primeira sempre é bonito, pero eu tómoo como unha aprendizaxe. Creo que me adaptei ben ás posicións que me puxeron e intentei dalo todo.

—A principio de tempada dicía que lle quedaba lonxe o primeiro equipo. Imaxinábase o que viría despois?

—Eu síntoo igual a día de hoxe. Aínda me queda moito por mellorar e levántome cada día con esa ilusión. Creo que é un reto bonito seguir crecendo.

—Cando lle comenta Claudio que ía ser titular en Sevilla?

—O mesmo día do partido. Fíxome unha ilusión enorme.

—Logo, titular sempre e marcando un gol decisivo. Un guión perfecto.

—Foi moi bonito. Estou moi agradecido a Claudio pola confianza, pero isto non para aquí. Queda moito por traballar e mellorar.

—Que significa Claudio Giráldez na súa carreira deportiva?

—É o adestrador que leva moitos anos connosco. Estase a ver que fai un traballo excepcional, aposta por nós e estoulle moi agradecido.

—Onde se sente mellor, na dereita ou na esquerda?

—Onde me poñan, eu adáptome ás circunstancias do xogo.

—Que lembra do seu debut en Primeira en Xetafe na 20/21?

—Era a miña primeira convocatoria co primeiro equipo, o partido deuse ben co 0-3 e puiden xogar unhas minutos. Foi unha ilusión enorme. Para min aquilo era o máis grande, pero sabía que ía ser complicado manterse e que quedaba moito traballo por diante.

—Despois do debut e de xogar en Andorra na Copa, veu un tramo fóra do primeiro equipo, como levou aquela época?

—Eu sabía que esa etapa había que pasala, ademais era moi bonita, porque disfrutaba do equipo que tiñamos e sabía que en Primeira Federación ía aprender moito, que había grandes rivais e que cada fin de semana iamos ter un adversario complicado.

—Debutou en Primeira con Coudet, que supuxo para vostede?

—Foi un adestrador moi importante para min, porque apostou por min e axudoume moito a mellorar en moitos aspectos do meu xogo que non estaba a traballar neses momentos. É a un adestrador ao que lle gardo moito cariño.

—A que cree que é debido que puidese chegar a Primeira?

—Ao traballo diario, ao que levo facendo ao longo de moitos anos.

—Cales son as diferenzas máis grandes que ve entre Primeira División e Primeira Federación?

—En Primeira División atópaste rivais de moito máis ritmo de xogo, a nivel físico son superiores e tes que pensar moito máis rápido porque o tempo é moito máis reducido.

—Na temporada 24/25 vese no primeiro equipo?

—Iso non depende de min. Eu véxome xogando ao fútbol, que é o que me gusta. Eu intentarei facelo o mellor posible onde me toque.

—Sería un pau para vostede non estar na primeira plantilla?

—Non, eu penso que o meu traballo vaise ver recompensado no futuro e, sexa cando sexa, eu estarei agradecido.

—Como aprendeu a defender tendo en conta que era dianteiro?

—Agora estou a xogar no carril e teño que esforzarme moito máis a nivel defensivo, é algo que teño que traballar e intento facelo a diario.

—Que xogador lle impactou máis do primeiro equipo?

—Iago (Aspas) é outro nivel. Leva moitos anos facendo e ten moita humildade, é incrible.

—Como se define como futbolista?

—Un xogador que intenta axudar aos compañeiros o máximo, que o seu papel ofensivo é o que máis resalta, pero que tamén traballa a nivel defensivo.

«O “play off” é unha gran oportunidade para nós»

Hugo Álvarez foi un pesadelo para o Málaga no partido de ida en Balaídos. Aínda que non marcou nin asistiu, fixo un traballo capital para asinar un empate que dá esperanzas para a volta. Ao carrileiro non lle preocupa o ambiente nin unha posible encerrona, só queren estar centrados no que pasa no campo, non fóra.

—Que sensacións ten de cara ao partido de volta en Málaga?

—Vai ser complicado. Eles teñen un gran equipo, xa o demostraron en Balaídos, pero imos coa maior ilusión que se pode ter. Para nós é unha gran oportunidade e imos alí a intentar levarnos o partido.

—Temen unha «encerrona»?

—Non, nós pensamos no que está no terreo de xogo e centrámonos niso. Na nosa cabeza só está levarnos o partido.

—Logo da arbitraxe de Balaídos, pensan na de volta?

—Nós non centramos na arbitraxe, só no noso. Imos intentar facelo o mellor posible.

—Logo do visto na ida, pensa que é un equipo ao que se lle pode gañar?

—Son un rival moi difícil, que defenden xuntos e moi ben e que en ataque teñen xogadores diferenciais, pero nós sabemos das nosas virtudes e sabemos que podemos levarnos o partido.

—Asinaría chegar á prórroga e xogarse todo en 30 minutos?

—Eu asino levarnos a eliminatoria como sexa. Se fose na prórroga, temos capacidade para facelo.

—Van ir polo partido dende o principio?

—Nós somos un equipo moi valente que intenta presionar arriba e ter a pelota, pero imos ver cal é a súa disposición e adaptarnos ao partido que se dea.

—Que tal con Fredi, que non estivera con el?

—Moi ben. Considero que é un adestrador que ten as ideas moi claras e que leva o equipo a dar o máximo en cada adestramento e en cada partido.

«É complicado dicirlle non a Madrid e Barça, pero se tes as cousas claras, é máis doado»

Madrid e Barcelona, os dous grandes do fútbol español, tocaron a súa porta, pero Hugo Álvarez e a súa familia dixeron non e quedou no Celta, club no que leva dende os dez anos.

—Como foi a súa chegada ao Celta?

—Cheguei de cativo. Lembro aquela etapa como bonita, de disfrutar moito do fútbol, con moitas viaxes, pero moi gratificante.

—Como se produciu a fichaxe?

—Fixen unhas probas e logo chamaron aos meus pais. Cando llelo dixeron, e sen pensalo, xa lles dixen que si.

—Logo empezaron anos subido no autobús.

—Foron uns cantos. Recordo con ilusión aquela etapa porque nos xuntabamos moitas persoas e fixemos moi boas migas.

—Iso non queima moito?

—Queima, pero pasabámolo moi ben e disfrutabamos moito. Era unha viaxe moito máis amena.

—Dáballe tempo a estudar?

—Cando chegaba á casa. No bus era complicado. Foi unha etapa na que aprendín moito e que che fai madurar máis rápido.

—Como empeza a xogar no Ponte Ourense?

—Alí xogaba o meu curmán maior e eu quería xogar con el.

—Para vostede que significa o Celta tendo en conta que rexeitou ofertas importantes?

—Para min é o club da miña vida, o que apostou por min dende pequeno, o que me deu todo para mellorar e para estar onde estou agora mesmo.

—Como se lle di non ao Barça e ao Madrid?

—É complicado, porque son clubs moi importantes, pero se tes as cousas claras como as tiña eu, é moito máis doado.

—Aínda que non era o seu caso, que pensa dos rapaces que teñen representante con 10 anos?

—Iso depende do xogador e da familia, eu sentía que non o precisaba naqueles momentos e decidín tomar as decisións xuntos cos meus pais.