
Un mozo senegalés residente en Ribeira acudiu ao Celta-Girona da man de Abdón Santos, da Peña Alvelo: «Flipaba»
02 oct 2024 . Actualizado a las 09:11 h.Abdón Santos é un experto en facer celtismo. Membro das peñas Alvelo, de Ribeira, e a viguesa Fóra de Xogo, leva sido artífice das primeiras visitas a Balaídos duns cantos novos afeccionados. Este domingo, no Celta-Girona, sumouse á súa lista un mozo senegalés de 17 anos, Ibrahima Khalil Niang, chegado a Ribeira canda súa nai en busca dunha vida mellor hai arredor de ano e medio.
Santos coñeceu a este mozo «currando de camareiro nun bar de Corrubedo» e non tardaron en falar de fútbol. «Díxome que lle gustaba e o que eu non sabía é que, ademais, xoga no Xuvenil A do Cidade de Ribeira; un dos adestradores é o que rexenta o bar», conta. Ao derivar as conversas cara a que Ibrahima nunca estivera nun gran estadio de fútbol, Abdón non dubidou en ver de levalo para que puidese vivir esta experiencia. «Gustáballe o Celta e díxenlle que viñese a un partido».
O rapaz aceptou encantado e Abdón encargouse de que se empapase de celtismo. «Leveino a animación, porque como é un rapaz novo, seguro que lle ía gustar. Regaleille unha bufanda da miña peña de Vigo, Fóra de Xogo, e veu facer a previa con nós para que vivise todo este mundillo desde dentro», relata. «Veu con nós coller o material: as faixas, as bandeiras, os bombos... Para que o vivise un pouco en modo inside e gozara de algo que non todo o mundo pode vivir desa maneira».

Ibrahima mimetizouse co ambiente sacando a bandeira no himno e «flipaba, porque non está afeito a ver a tanta xente cantando». Para o final, quedaba outro prato forte: «Pedín aos compañeiros da peña Alvelo para agardar un pouco en vez de marchar ao acabar o partido -como adoitan facer- e sacar foso cos xogadores. Tamén lle dixemos aos nenos da peña que aproveitaran», conta. E Ibrahima volveu para Ribeira con fotos con cinco ou seis xogadores e «moi contento». Volverá, diso encárgase Abdón.