Así elaborou Adrián Alvarellos a historia do Celta en 20 minutos 

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Afeccionado celtista apaixonado da historia do club, vén de presentar un proxecto audiovisual 

16 oct 2024 . Actualizado a las 09:36 h.

Adrián Alvarellos (Vigo, 1981) leva anos desenvolvendo proxectos cos que busca divulgar a historia do equipo do que é seareiro, o Celta, como detallaba aquí o ano pasado. Deste xeito, a base de esforzo, foise facendo popular entre a comunidade celtista en redes sociais, onde esta semana compartía un novo traballo que tivo unha gran aceptación: un vídeo que trata de resumir en 20 minutos os xa 101 anos de historia da entidade viguesa.

Este afeccionado celtista investiu sete anos -desde o 2015 ao 2022- en escribir a súa propia historia do club. «Toda a información deste vídeo sae de aí e, á súa vez, de diversa bibliografía, de xornais da época e do pouco que hai publicado» sobre esta materia, detalla. «Sigo dando voltas a como podo divulgar e compartir ese traballo de historia do Celta que escribín. Téñoo un pouco aparcado porque non sei como facelo, e dediqueime máis a contido audiovisual.

Comezou Alvarellos por elaborar vídeos de goles por temporadas, pero a partir do correspondente ao ano 2015, YouTube empezou a botarllos abaixo debido á normativa de dereitos audiovisuais. «Deixeino aparcado porque non o podía compartir o celtismo e tratei de buscar unha alternativa», relata. Así foi como xurdiu o vídeo que vén de presentar. «Fíxenme con imaxes, con fotos de aliñacións das diferentes tempadas e cando tiven unha boa colección, intentei que fose unha de cada tempada», para o que contou con outros celtistas que estudan ou están interesados neste ámbito, como Celta Historia ou D.Rivademar, menciona.

Cando por fin contou cunha instantánea de cada campaña da historia do Celta, a súa primeira idea foi «facer unha montaxe con elas e reflectir o máis senlleiro desa tempada, con titular e subtítulo», coa estrutura das noticias de prensa. Pero a primeira intención experimentou tamén cambios. «Fun variando e decidín que fosen momentos, que se fose quen de atopar unha imaxe que amosase exactamente un acontecemento da historia en concreto, prefería poñer esa antes ca aliñación», afonda. O seguinte paso foi incluír «vídeos curtos, de sete segundos» correspondentes ao acontecemento en cuestión.

Reunido este contido, traballou nos textos explicativos cos que pretende «dar contexto, falar do que está pasando, de cal foi o acontecemento en concreto». Como remate final, chegou o que confesa que case foi o que lle deu máis traballo: «Fixen unha liña temporal dinámica en movemento co escudo do Celta a modo de agulla do reloxo, sinalando o ano ao que corresponde o acontecemento. Rompín bastante a cabeza para conseguir que o ano se movese e que o fixese ao ritmo que necesitaba para sinalar o momento histórico», conta. O derradeiro paso foi xa poñer a música. «Ese foi todo o cholliño», di sobre estes dous meses de traballo. O resultado pode verse aquí.

Agradecido coa reacción do celtismo, sinala que sempre é moi positiva e esta non foi unha excepción. «Foi así con todo o que levo publicado. Hai xente que me dá as grazas, os parabéns, e dependendo da repercusión que teña e a cantidade de persoas ás que chegue, hai máis reaccións ou menos», constata. Neste caso, as respostas foron boas case ao 100 %, celebra Alvarellos.

Neste momento, non está inmerso en ningún outro proxecto celtista futuro, pero non ten dúbida de que o haberá. «Cando se me ocorre algunha idea, empezo a traballar nela e remato, sinto un baleiro no meu interior e empezo a maquinar. Non é que pense que podo facer, senín que me xorde, búscame a min, non o busco eu», conta divertido. Gustaríalle completar a compilación dos goles por tempada, pero ten o obstáculo de YouTube e en todo caso, sostén: «Agora non teño nada e mañá ocórreseme unha frikada máis».