O celtismo quere medrar na Gudiña con Testeiro Celeste, nova peña

GRADA DE RÍO

CEDIDA

A nova agrupación celtista agarda ser oficial antes do remate da tempada 2024/2025

18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Gudiña xa ten a súa primeira peña celtista. Leva o nome de Testeiro Celeste, polo monte así bautizado, e aínda non son agrupación celtista oficial, pero están no bo camiño para conseguilo. «Ao sermos dunha zona pouco poboada, estamos tratando de conseguir os obxectivos que nos puxo a Federación e esperamos que sexa en breve», di o seu presidente, Santiago Diego. Todo comezou cun grupo de amigos que se xuntan para ver os partidos do Celta nun bar. «Decidimos lanzarnos para ir a Balaídos con máis frecuencia e poder organizar eventos con outras peñas. Pese a ser poucos, esperamos en breve levar representación da montaña de Ourense por esas terras e traballaremos duro para facelo posible», di.

Máis alá de vivir o celtismo doutra maneira máis intensa e conectada con Vigo, outra das metas coas que nacen é «fomentar o celtismo» nunha zona onde son poucos -insiste- e a xente sempre é do Barça ou do Madrid». «Queremos xuntar o máximo de xente posible, ir captando socios e crecer un pouco máis», comenta. Están preto dos 25 afeccionados que sexan abonados ou titulares de Carné Celtista que se esixen para ser peña oficial e aspiran a comezar a facer actividades canto antes.

No caso concreto de Santi, non vén dunha familia especialmente celtista, aínda que seu pai si simpatiza co equipo celeste. «Desde pequeno, o Celta é o Celta, venme xa da infancia», conta. Ten 30 anos e o resto da directiva tamén anda arredor desa idade, pero tamén hai xa tanto xente máis nova coma maior. A peña que teñen máis preto xeograficamente é Cigarrón Celeste, de Verín, e tamén a sección de Merlegos de Viana do Bolo, onde se celebrou a Romaría Celtista do 2023, na que algúns dos impulsores deste novo proxecto estiveron presentes.

Conscientes de que están «bastante apartados» -dúas horas de camiño para acudir a Balaídos-, queren conectarse co resto do celtismo mediante esta nova peña, a primeira da que teñen constancia no seu municipio. Para esta primeira, abarallaron outros nomes, incluído o de Hugo Álvarez como xogador ourensán do primeiro equipo, pero decidíronse por Testeiro, montaña moi representativa da súa terra. Esperan ser peña oficial antes de que remate a presente tempada e para iso, están abertos a que calquera celtista da zona se sume a eles.