Manu, o Vikingo, a paixón por As Celtas feita persoa: «Deixo a vida animando en cada partido»

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

AS GUERREIRAS CELTAS

O equipo feminino conta un entusiasta afeccionado, directivo da peña As Guerreira Celtas, que fai crónicas en vídeo e alenta sen cesar os 90 minutos na Madroa e mesmo fóra

07 feb 2025 . Actualizado a las 12:28 h.

Quen teña ido a ver un partido de As Celtas á Madroa, quen o teña seguido a través de Galicia Sports 360 ou quen siga en redes sociais á primeira peña do equipo feminino, As Guerreiras Celtas, ten escoitado a Manu Castro, o Vikingo -como é alcumado- ou the Viking, como reza na súa conta de Instagram. Trátase dun afeccionado incondicional, que deixa a gorxa por animar ás célticas e que fai crónicas dos seus partidos. Tamén forma parte da directiva da peña celtista que se presentará na Madroa este domingo.

Conta Manu, de 35 anos, que el sempre foi celtista, pero chegou un punto no que «tiña perdida a ilusión pola pantomima que é hoxe o fútbol profesional». Deixou de ser abonado do Celta e estaba algo afastado, pero a creación de As Celtas cambiou todo. «Estas rapazas fixéronme recuperar a ilusión polo fútbol que amamos desde pequenos», agradece.

Este afeccionado non tiña vínculos familiares nin de amizade previos coas xogadoras nin con ningún integrante do conxunto. Si que lle tiraba de antes o fútbol feminino. «Ten que crecer. Teñen unha calidade impresionante e non está valorado», sinala. El era dos que reclamaban desde hai tempo a creación desde proxecto por parte do Celta. «Levo pedíndoo moito tempo e agora que as temos aquí, hai que ser a xogadora número 12. Eu deixo a vida nos partidos», sinala. Proponse «tirar delas, facelas sentir cómodas e arroupadas».

AS GUERREIRAS CELTAS

Polo de agora, está cumprindo con creces ese obxectivo autoimposto. «Fomos á Coruña, ao campo do Vitoria, comezamos perdendo e a afección das Celtas respondeu enormemente. Elas se sentiron contaxiadas. A vitoria é delas, pero penso que o noso apoio tamén as levou un pouco en volandas», afonda. E mantén que só lles dan o que elas merecen. «Loitan cada partido e cada balón, e se elas non deixan de loitas, nós non imos deixar de berrar».

Pouco a pouco, ademais, os seus seareiros máis fieis xa van tendo un vínculo máis próximo coas futbolistas que dirixe Vicky Vázquez e co propio corpo técnico. «Así é. Ver como elas o valoran tamén nos motiva a nós. Eu xa estou pensando en ir a desprazamentos longos. É unha loucura, pero é que elas merecen. Intento transmitir o que elas me transmiten a min, devolvérllelo», insiste.

View this post on Instagram

A post shared by As Guerreiras Celtas (@asguerreirasceltas)

As crónicas vikingas que comparte Manu en Instagram tras cada partido -incluso con algún avance nos descansos dos encontros- xurdiron de maneira espontánea estando con Verónica, a encargada de gravarlle os vídeos. «Acabou un partido, estabamos na cantina do lado tomando unha cervexiña tranquilos e pensamos que a estas rapazas se lles fai pouca cobertura co ben que o están facendo e o que están loitando. E dixemos: ‘Imos facer unha carallada aquí'. O resultado foi máis visualizacións do que agardaban e iso empurrounos a seguir e convertelo xa en costume. «A encargada de comunicación da peña díxome: ‘Manu, isto tira. Hai que facer máis'».

O propio Manu di que as súas crónicas, nas que el mesmo conta de viva voz e poñéndose ante a cámara o máis destacado de cada partido, teñen «ese ton macarra» que está chegando á afección celeste, tamén pola gran paixón que lle pon o artífice. «Non queremos que pareza un xornalista televisivo», senón un afeccionado entusiasmado co seu equipo. E ese entusiasmo que el sinte tamén se expande cada vez a máis xente, percibe. «Cada vez vai indo máis xente ao campo e aínda que custou arrincar coa peña, estamos preto dos 70 membros e crecendo cada día», celebra.

AS GUERREIRAS CELTAS

Castro comezou a seguilas desde o comezo da súa andadura -o equipo creouse o pasado verán- e a presidenta de As Guerreiras Celtas quixo contar con el para formar parte da directiva. «Veu Charo a dicirme se me quería sumar a este proxecto e díxenlle que contara comigo para o que quixese. Así comezamos, con moito traballo. Teño cinco compañeiras na xunta directiva que son unhas leoas, que traballan como mulas nos poucos momentos libres que teñen. Fan un labor inconmensurable», valora, lembrando tamén que os trámites non foron nada doados.

Agora, están ilusionados coa presentación que terá lugar este domingo, logo do partido ante o Friol. O club decidiu abrir os novos vestiarios da Madroa e alí terá lugar a primeira foto oficial de As Guerreiras Celtas. «Vai ser a nosa posta de longo. A maioría dos peñistas van recibir as camisetas da peña e tamén vai ser unha maneira de darnos a coñecer para que máis xente se una», reflexiona. Tamén lle fai feliz pensar que «as rapazas estarán contentas de ter unha peña para elas». Unha agrupación que comezou a funcionar sen nome, pero cuxos integrantes se namoraron do elixido en canto se puxo enriba da mesa.

No estritamente deportivo, Manu está convencido de que se vai acada ascenso. «Penso que o imos conseguir. Non imos deixalas soas en ningún momento, iso está claro. Estamos xogando moi ben, levamos oito vitorias seguidas e é certo que veñen partidos complicados, pero pasamos unha primeira volta difícil fóra e agora tocan ese rivais na casa», apunta. Garante que eles van estar «coma unha marea arrasadora con elas» e que xuntos, vano conseguir. Aínda que a el lle custe máis dunha afonía. «Acabo rebentado os partidos, pero non merecen outra cousa. É un cansazo gustoso».

AS GUERREIRAS CELTAS

A día de hoxe, Castro vai de cando en vez a Balaídos, pois o seu desencanto levouno a deixar de ser abonado. O que si ten, como non podía ser doutro xeito, é o Carné Celtista As Celtas, e entre o equipo feminino e o masculino non existe debate para el. «Agora mesmo, estou entregado a As Celtas. Vou a Balaídos ás veces con algún amigo e non descarto volver a ser socio, porque me está a gustar a xestión de Marián Mouriño. Pero o meu corazón está coas Celtas e se nalgunha ocasión xogan á mesma hora, eu estou na Madroa, sen ningunha dúbida».