
Manu, Alba e Xurxo uniron forzas cun afeccionado que expresara o seu desexo de formar unha agrupación celtista que xa é unha realidade baixo o nome de Himmelblå Hjerter
26 feb 2025 . Actualizado a las 22:03 h.No pasado mes de agosto, o danés Anders Grønborg Greve presumiu a través de Twitter do seu Carné Celtista, que viña de recibir, e expresou o seu desexo de crear unha peña no seu país, Dinamarca, que logo reiterou en Grada de Río, relatando a súa historia de celtismo. «Todo nace un pouco desa entrevista», revela Manu Paradela Loureiro, un dos fundadores da recén creada peña celtista danesa, Himmelblå Hjerter.
Unha compañeira viguesa á que Manu coñeceu xa no país escandinavo, Alba, e a súa parella, Xurxo, entraron en contacto con Anders. «En principio, non crimos que fose chegar a nada, era case unha broma, pero comezou a coller forma rápido. Puxéronse en contacto coa Federacion de Peñas e co xerente da Liga nos países nórdicos, que resultou ser de Vigo. Eu tamén me sumei», di lembrando que xa se xuntaba cos outros dous galegos antes de saber os tres de Anders.
Os galegos fundadores coñecéronse en Dinamarca ao comezar distintos másteres a un tempo. Alba, viguesa, e Xurxo, compostelán, foron xuntos e alí coincidiron con Manu, ourensán. «Uniunos a paixón polo Celta», proclama. En canto empezaron a falar con Anders e viron que a cousa ía cara adiante, comezaron ao elección do nome, a creación do logo e maila posta en marcha dos perfís en redes sociais, que asumiu el, e os temas administrativos, dos que se encargaron os compañeiros. «Despois, creamos un grupo con Anders para estar máis en contacto e coñecémonos en persoa hai un par de meses».
Os catro estiveron desde o primeiro momento «moi involucrados e iso fixo todo máis fácil»; mención aparte merece Anders, feliz cumprindo ese soño que tiña e «moi metido» no proxecto.. Contaron, ademais, coa axuda dun avogado danés que traballa na mesma empresa de Xurxo e que lles botou unha man «co tema dos estatutos e aspectos legais para crear unha asociación en Dinamarca», así como máis amigos que tamén contribuíron a que a idea non quedase niso.
A raíz da súa presenza en redes sociais, chegaron a eles máis celtistas en Dinamarca e xa se está unindo máis xente, celebra Manu. Aínda que está claro que o crecemento non será doado. «É moi de nicho, non hai moitos celtistas en Dinamarca, pero algúns si», constata. Decidiron que Anders sexa o presidente e tamén hai dous daneses máis e outras persoas que levan moito tempo instalados alá. «Se algún dos galegos volvemos, aínda que non o temos nos nosos plans por agora, cremos que hai unha base para que isto siga e é o que queremos», prosegue. Entre as súas ideas tamén está expandir a peña a toda Escandinavia.
Barallaron varias opcións para o nome e, finalmente, impúxose Himmelblå Hjerter, que significa «corazóns celestes». «Basicamente, demos importancia ao tema do azul celeste, queríamos que estivese presente tanto no nome como no logo e en todo o aspecto audiovisual. E aparte de corazóns, pensamos en almas e algunha máis, pero esa foi a que máis gustou nunha tormenta de ideas que tivemos», detalla.
Este domingo ás 11 celebramos a reunión online para oficializar a peña do Celta en Dinamarca, a primeira en toda Escandinavia!
— Himmelblå Hjerter (@celtadk) February 13, 2025
//
Denne søndag kl. 11 afholder vi et online møde for officielt at etablere Celta-fanklubben i Danmark ? den første i hele Skandinavien! pic.twitter.com/AYJTebnGXU

O cuarteto fundador está moi ilusionado e cheo de ideas. «A curto prazo, o que temos pensado facer é o que se chama unha watch party, eventos para ver os partidos do Celta», indica. O club xa contactou con eles para enviarlles merchandising e eles queren crear o seu propio nalgún momento. «Co tema das redes e de que eu estou facendo a tese, creei un manual futbolístico danés-galego con vocabulario. Son ideas que xorden. Tamén queremos fomentar a cultura galega e os nosos valores, porque penso que o Celta non se entende sen a nosa cultura», reivindica.
Manu concibe o fútbol e o Celta como «unha ferramenta de gran importancia social» que se pode empregar para «elevar a cultura galega». El cursa un máster de estudos interculturais e a súa tese tamén ten que ver co equipo vigués e coa peña. «Nós non formaramos parte de ningunha. Ao estar lonxe, dános morriña e tamén é unha forma de conectar coa casa. Para nós, ten máis sentido aquí que cando viviamos en Galicia, que nunca tivemos ese interese de formar parte», apunta. Agora si buscan «crear comunidade, coñecer outros celtistas e vivir o celtismo xuntos». Xa están en marcha.