«Foi emocionante levar a Balaídos o que nós sentimos pola nosa tradición de Entroido»
GRADA DE RÍO
















Membros dos grupos de Verín e Viana do Bolo que estiveron na previa do Celta-Leganés contan como viviron a experiencia
11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Celta apostou este sábado por homenaxear ao Entroido galego coa presenza sobre o céspede de Balaídos de cigarróns de Verín e boteiros e fulións de Viana do Bolo. Foron protagonistas antes do partido fronte ao Leganés, levando a ovación do celtismo presente e vivindo momentos únicos, tal e como expresan dúas das persoas que formaron parte e que falan tamén polos seus compañeiros.
Aitor Diz, de 33 anos e orixinario unha pequena aldea de Vilardevós, foi un dos cigarróns. «Foi un cúmulo de sensacións: por unha parte, moi emocionado e orgulloso, pero tamén moi agradecido ao Celta, porque foi como pechar o círculo que me uniu ao club», conta. Porque no seu lugar de nacemento, ninguén era celtista. «Non tiven nin pais moi futboleiros nin amigos da infancia celtistas. Que eu sexa celtista é porque é un club no que ao longo dos seus mais de 100 anos de historia, as tradicións e a identidade do país sempre estiveron presentes. En resumidas contas, un equipo para un país», introduce.
Conta que reaccionaron «con sorpresa» á proposta do clube vigués de contar con eles para esta aplaudida iniciativa. «Sorprende que un club de Primeira, co alcance que implica, sexa capaz de a atreverse a realizar este tipo de actividades tan representativas da nosa identidade como pobo», algo que lle recoñece e agradece «tanto a Marián Mouriño (a presidenta) coma ao seu equipo». Unha vez no campo, sentiu «auténtico orgullo».

Non só estaba feliz por «representar a unha figura tan importante como é o cigarrón en Verín», senón por amosar un traxe foi realizado pola súa nai e irmá, presente en Balaídos, e unha careta realizada por el mesmo. «Botamos moitas horas de traballo e, ao final, tamén é mostrar o mundo que en Galicia hai artesanía de moita calidade», reivindica Diz. «E tras saír do verde, unha auténtica festa escoitando Oliveira dos cen anos», mentres se cambiaban. Logo, para celebrar a vitoria, «como bo ourensán, chupito de licor café», di divertido.
Este afeccionado ourensán leva uns oito anos como cigarrón, pois esperou a ser adulto e non medrar máis para facer un traxe cuxo custo acada uns 1.800 euros se se lle suma a careta e demais elementos. Detalla que o traxe de adulto pesa uns 40 kilos. Abonado de Gol, acostuma a ir a Balaídos cando as obrigas laborais o permiten. Peñista de Merlegos Celestes (Santiago) e A Mao Nega (Cualedro), ten os seus primeiros recordos celtistas na final perdida ante o Zaragoza na Cartuja.
Eliana Murias, pola súa banda, formou parte do grupo chegado de Viana do Bolo, cos boteiros e fulións. «Contactaron con Jorge Minas, que é o que leva un pouco todo e dixemos que si desde o primeiro momento. Para nós era unha honra», sinala. Conta que houbo unha avalancha de xente que se quixo apuntar, pero o criterio foi optar «polos que van sempre» ás actividades nas que participan, que puideron gozar unha experiencia única. «Mobilizámonos e fomos para alá. Acolléronnos súper ben, tratáronnos de marabilla, con moitísimo respecto, valorando moito a tradición e o esforzo que fixemos. Facilitáronnos absolutamente todo e foi moi doado e emocionante».

Conta Murias que algúns, incluída ela, non puideron evitar as bágoas. «Algúns choramos. Era ir tocar a Balaídos, ante tanta xente, levar alí o que nós sentimos pola nosa tradición. Foi súper emocionante, súper emocionante», subliña. E revela que algúns deles fantaseaban con ir cos bombos á bancada e iso xa lles tería parecido «a bomba», pero nunca con estar no céspede. «Como celtista, si que se che pasa pola cabeza ir alí co noso fulión, pero nunca ao centro do campo.. Foi un soño cumprido, en especial, para Miguel (Barja, presidente de Merlegos Celestes e orixinario de Viana)», revela. Cando souberon como ía ser todo, non o podían crer: «Flipamos moitísimo».
Antes do partido, fixeron un pequeno ensaio, «máis que nada, polos tempos, porque non había moita marxe». De feito, conta, querían saír do campo tocando e xa non podía ser por ese motivo. Foi unha oportunidade para persoas de todas as idades. «Iso é representativo do noso Entroido, o mesmo vai un señor de 80 anos tocando que un neno de tres. Foi unha representación do que somos nós, con participación de todo mundo, é o normal», detalla.
Recoñece Murias que impoñía actuar ante tanta xente. «Creo que do aplauso nin fomos conscientes», di sobre un momento inmortalizado en moitos vídeos. Despois, tiveron o premio de gozar dunha vitoria celeste. «Tivemos moita sorte, porque nos puxemos xusto onte marcou o Celta os dous goles e saímos en todas as televisións. Con iso tamén flipamos», engade. «Dicíanos Borja, un dos rapaces do Celta que estivo todo o tempo con nós que lles demos sorte. Xa respondemos que por nós, volvemos cando queiran». Non se cansa de agradecer: «O trato foi exquisito» e levan unha vivencia que lembrarán sempre.