
O pai da pequena, porriñés residente no país escandinavo, compartiu un vídeo que se fixo viral da súa filla no Celta-Leganés
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Charlie J. García veu ao mundo en Suecia hai catro meses, de pai porriñés e nai sueca. «En canto naceu, púxenme en contacto co Celta para tramitar o Carné de Miudiña. A primeira carta que chegou o buzón na súa vida foi a do club», conta o orgulloso proxenitor, Christian García. El foi quen quixo compartir en Tiwitter este martes unhas tenras imaxes da nena o sábado contra o Leganés, na primeira vez que a cativa acudía a Balaídos, e que fixeron as delicias do celtismo.
O seu primeiro partido ??#DendeSueciaAtaVigo
— ?CHRacing? (@Chrisuizo) March 11, 2025
@RCCelta @mmourino @AsCeltas @RCCeltaEN pic.twitter.com/iFN0TqmGGi
Conta García que viven en Malmö porque a súa dona é sueca. El foi traballar e rematar os estudos a distancia no 2019 e xa quedou a vivir alá. A finais do ano pasado, deron a benvida á súa primeira filla. «E esta fin de semana pasada, xa co pasaporte na man, decidimos ir a visitar á familia e, por suposto, escollemos esa data porque o Celta xogaba na casa», relata.
Lisette Jönsson, a nai da cativa, xa é tamén celtista por influencia da súa parella, e ambos tiveron claro que querían levar a Charlie con eles ao estadio, pero non de calquera maneira. «Tiña que ser a unha zona tranquila. A prioridade da viaxe era ver o Celta, pero nunha zona tipo Tribuna Baixa, e aínda que choveu un pouco, aguantou todo o partido», conta.
A primeira visita a Balaídos coa nena foi «moi especial». «Vivino con moita emoción, e que mellor que cunha vitoria do Celtiña», indica. Quixo inculcarlle esta paixón desde o principio e, de feito, o primeiro pixama que puxo ao chegar a casa do hospital foi o que reza «crecendo xuntos» co escudo do club. «Desde que naceu, é unha celtista máis».

Christian pasou toda a infancia e adolescencia no Porriño, pero indo case cada fin de semana a Vigo, de onde é a familia da súa nai. «Non perdemos un partido. Aínda que o equipo da miña muller é o Malmö, o campión da liga sueca, ten as cores celestes, así que xa temos cor favorita». Adoitan vir a Galicia un par de veces ao ano e xa pensan nunha seguinte que tamén inclúa un novo partido sendo tres.