
Un grupo de rapaces vigueses poñen en marcha unha nova agrupación de afeccionados celestes
19 mar 2025 . Actualizado a las 11:01 h.O bo momento que vive o celtismo reflíctese no nacemento de novas peñas dentro e fóra de Galicia. No caso de Tolemia Celeste, son un grupo de amigos vigueses que se xuntaban para ir a Balaídos e que agora dan este paso. «Facíanos ilusión e pensamos que por que non. E xa superamos as nosas expectativas. Somos 69», conta Andrés Vilas, un dos integrantes e vicepresidente. Son moi bos datos para un proxecto que aínda está en fase embrionaria: «Estamos con temas como establecer os estatutos, os cargos da directiva, a nosa bufanda… Pouco a pouco», sinala.
O mundo das peñas é completamente novo para eles, pois son celtistas de vintepoucos anos e non proveñen doutras, aínda que ese si é o caso doutros seareiros que se están a sumar aos impulsores. «De momento, estamos buscando un local onde asentarnos e poder ver os partidos de fóra da casa. Tamén temos intención de facer viaxes, aínda que iso terá que quedar para a tempada que vén», cando xa sexan peña oficial a todos os efectos. Queren ter «unha experiencia máis completa como abonados do Celta e pasalo ben» ao tempo que arroupan ao seu equipo.

O núcleo da peña son socios de Marcador Baixo, da bancada de animación, que andan polos 22 e 23 anos. «A partir de aí, hai un mix de xente de distintos perfís», tanto no que se refire ás bancadas como ás idade, xa que hai «de todo un pouco». Cando teñan un número fixo dos que poden ser, buscarán esa sede acorde ás súas necesidades. Entre as súas premisas están tamén que queren ser «unha peña transversal» que anime tamén ao equipo de baloncesto feminino, como se xa pode ver nas súas redes.
Outro aspecto importante cando bota a andar unha peña é o nome. «Houbo un batiburrillo de ideas e queriamos un que representase a paixón que sentimos polo equipo. Nesa tormenta de ideas, apareceu Tolemia Celeste e houbo consenso en que era o que máis nos gustaba e co que máis identificados nos sentiamos». Así que xa quedou. A iso sumaron o logo, que é unha referencia ao polbo galego, por un lado, e tamén ao Kraken, Williot Swedberg.

Vilas anima a «todo o mundo que non teña peña» e ao que lle encaixe sumarse a eles que o faga. «As portas están abertas, convidamos a todo o mundo. Quen estea interesado só ten que buscarnos nas redes sociais, que estamos en Instagram e Twitter», cunha cota de inscrición de quince euros que inclúe a bufanda.