
A agrupación celtista, con sede en Vilagarcía de Arousa, está preto dos 200 membros
21 mar 2025 . Actualizado a las 19:02 h.A peña celtista Embruxo Celeste, de Vilagarcía de Arousa, celebra hoxe o seu oitavo aniversario. A cita será desde as 18.30 horas na súa sede, na rúa Blanco Amor, número 5, baixo. Esta celebración chega nun gran momento desta agrupación celtista fundada no ano 2017 e que actualmente está preto dos 200 peñistas, dos cales máis dun centenar son abonados ou titulares do Carné Celtista.
O seu presidente, Guillermo González Villaverde, celebra que nos últimos anos, en especial logo da pandemia, veñen «medrando a gran velocidade». Ademais, están tendo representación en moitos dos sitios que visita ao Celta, caso de Bilbao, Vitoria ou a última saída, a Valladolid. «Imos traballando para que as cousas se consoliden. Pouco a pouco faise camiño», engade.
Moitos dos seus peñistas despedíronse fronte ao Osasuna da bancada de Gol e agora foron reubicados no recuncho de Tribuna con Marcador. Máis alá do sitio, salienta que tamén eles están gozando co gran momento que vive o equipo: «Este ano dá gusto ver tanto canteirán no equipo, como loitan e que, enriba, os resultados acompañen», celebra.