«Se seguimos así, haberá cousas bonitas, pero nós non pensamos en Europa»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

Damián Rodríguez responde sobre a posibilidade de que o Celta acade un billete para competición continental esta tempada

11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Europa segue a ser unha palabra tabú para Damián Rodríguez. O centrocampista de Ponteareas só pensa no vindeiro partido e en sumar os máximos puntos posibles, pero, ao mesmo tempo, recoñece que se o Celta segue nesta liña, «haberá cousas bonitas».

—Como ve as opcións de xogar en Europa?

— O equipo está traballando moi ben, levamos moitos partidos sen coñecer a derrota, adestrando moi ben e queremos seguir así. Nós imos partido a partido, pensamos agora no Espanyol e, despois, a centrarnos no seguinte partido. Non nos marcamos Europa, só queremos facer os máximos puntos posibles e o resto xa se mirará. Se seguimos así, haberá cousas bonitas, pero non pensamos en Europa.

—Como ve o partido co Espanyol?

—Ven de gañar 0-4 nun estadio complicadísimo, como é Vallecas, na ida xa nos puxeron as cousas complicadas e teñen un gran equipo, como están demostrando. Son moi rápidos arriba, son verticais, non o pensan dúas veces á hora de correr. Temos que estar moi ben equilibrados para que non nos fagan gol.

—Dos centrocampistas actuais, cal é a referencia que ten?

—Agora está lesionado, pero Rodri é unha referencia, gústame moito, penso que está facendo un temporadón, e aínda que non somos nada parecidos, Pedri está nun estado incrible.

—Rematou as práctica co Celta Integra?

—Acabei o ano pasado as prácticas. A verdade que foi unha experiencia moi bonita e que lle recomendo a todo o mundo.

—A pasada fin de semana foi ver ao seu irmán no Cultural Areas, que lle lembra dese fútbol?

—Igual que cando era neno. Antes sempre ía moito velo fútbol que había pola zona de Ponteareas, agora teño a sorte de que meu irmán xoga na Areas e vou miralo moito, sobre todo, por el. Gústame ir mirar esas ligas e valorar onde estou.

—Como sentou aquela chamada sub-21?

—Sentou moi ben. Ao final, era un premio non só a min, senón aos canteiráns que estabamos aí, no primeiro equipo. É un premio que desfrutei moitísimo.

—Agora fálase moito da canteira do Celta, pero isto non é novo.

—Vén de tempo atrás. Eu, cando comecei aí no benxamín B, xa había xogadores no xuvenil que sabías que eran canteiráns, que de verdade que eran bos, e que o Celta traballaba moi ben. É certo que agora deu xa un paso moi grande e penso que os froitos cada vez están chegando máis.