
O Celta está no seu mellor momento da tempada, tanto a nivel de xogo como anímico. Igual non ten un xogo tan vistoso como o que se ollaba a principio de curso, pero o equipo foi medrando cos partidos e agora sabe tirar dun fútbol máis práctico cando é necesario. Iso, engadido á confianza que vai xerando, permítelle sacar os resultados adiante, como pasou en Anoeta, onde tal e como foi o partido, o equipo tamén puido empatar ou perder, pero acabalevando o triunfo. Todo isto fai que o Celta estea nun momento tan doce.
Considero que Claudio e o equipo van madurando en aspectos que antes igual no se lles daban tan ben porque ás veces tes que ter algún rexistro máis ademais do plan A. Penso que o equipo vai adquirindo máis riqueza táctica, sabe sufrir sen balón e aproveitar as poucas oportunidades que ten, porque eu non me lembro dun partido con tan poucas chegadas como o do martes.
Paréceme que a clasificación para Europa é un éxito importantísimo para o primeiro ano de Claudio, máis se temos en conta a plantilla actual, que non ten nada que ver con aquelas nas que estaban os Mostovoi, Karpin e compañía, agora o único xogador de referencia é Iago Aspas. Incluso este Celta tan moitos menos nomes que o que chegou á última participación continental.
Debo confesar que ao principio de tempada pensei que o Celta ía sufrir máis, aínda que confiaba se que asentase entre o posto 10 e o 14, pero a medida que ía pasando a campaña e vin que sacaron algún partido adiante onde non merecían gañar pero sacárono a base de sufrir e que tamén tiñan outro tipo de fútbol, dinme conta que o equipo ía competir máis do que eu pensaba ao principio. Recordo que antes do partido de Valencia comentei que era un día para ver se o Celta collía dereitos ou tiña obrigacións, pero dende ese partido, o que adquiriu foi o dereito de soñar, que é o que está facendo.
Agora queda culminar, pero se cando falamos do Barcelona ninguén pensa na posibilidade de que non culmine, no meu caso pasa igual co Celta. Estou convencido de que o Celta non vai perder esta clasificación europea. Partido na casa e coasúa afección. Non lle van tremer as pernas fronte ao Rayo Vallecano.