O alcalde deportivista de Taboada corresponde aos agasallos do Celta e trasládalle varias peticións: «Que as desvele a presidenta»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

Taboada (Lugo).
Taboada (Lugo).

A resposta do rexedor do municipio lucense fora moi aplaudida e agora mostra o seu agradecemento cun envío de volta, aínda que non revela todo o seu contido

28 may 2025 . Actualizado a las 12:51 h.

Cando a semana pasada o Celta enviou a todos os concellos galegos unha camisola do Celta, unha bandeira e unha mensaxe pedíndolles o seu apoio para a clasificación europea do equipo, foron moitos -polo menos, 120- os que, ou ben colgaron a bandeira nas casas consistoriais ou, polo menos, agradeceron o detalle e deron conta a través das respectivas redes sociais oficiais. Pero un dos que máis chamou a atención foi o do rexedor de Taboada (Lugo), Roi Rigueira, do que se fixo eco Grada de Río e que foi moi aplaudido.

 

O alcalde comentaba que é afeccionado do Deportivo, pero que o motivo polo que a que posaba coa camiseta a súa filla é que a talla que mandaran deixara de servirlle xa de neno. Ademais, aínda que seareiro do eterno rival, non tiña inconveniente en aplaudir o «repaso» que considera que o Celta está dando a outros clubs galegos en moitos ámbitos, tanto deportivo, coa aposta pola canteira, como na comunicación. Agora, días despois, é el quen decidiu enviar uns agasallos á presidenta celeste, Marián Mouriño, así como facerlle unhas peticións por carta que non revela, instando a que sexa a receptora quen o faga.

Nun vídeo no seu perfil de Instagram, Rigueira recorda o sucedido a semana pasada, así como que o Celta rematou por acadar o obxectivo. E a continuación, explica que agora son eles os que toman a iniciativa. «É de ben nacidos ser agradecidos, en en resposta, imos enviar uns agasallos ás oficinas do Celta», anuncia. O primeio é unha camiseta do club local, o Taboada CF, con 52 anos de historia e polo que lembra que pasaron moitos rapaces da vila, el incluído. «Non ten serigrafados os 313 concellos, pero si o Carballo de Ramos, símbolo do noso concello», afonda. «En Vigo cantades a Oliveira dos cen anos e aquí, presumimos de carballo», afirma.

Un segundo agasallo é un cristal que ten gravada no seu interior a imaxe dun dos seus recursos turísticos, o Miradoiro da Cariza, pasarela sobre o paso do Miño que foi construído nun terreo doado por Isaura Abelairas, mestra e política finada no 2021 que desenvolveu a súa actividade en Vigo pero naceu alá. Como tamén é orixinario desa vila o excéltico José Manuel Alvelo, outro vencello entre ambos municipios que tamén menciona.

Por último, chega a parte máis misteriosa, unha carta a Marián Mouriño que recolle «unha serie de peticións ou demandas» que espera que se poidan cumprir. «Non as vou desvelar, xa o desvelará a presidenta ou os perfís oficiais do Celta se así o estiman oportuno e conveniente», di antes de finalizar invitando aos vigueses e celtistas a visitar o «paraíso» de Taboada, ademais de reiterar o agradecemento polo regreso a Europa.