
Pablo Núñez é un dos galegos emigrados que presenciarán o amigable deste martes fronte ao Grasshopper
29 jul 2025 . Actualizado a las 10:34 h.Entre os encargados de que o Celta non estea só hoxe en Suíza fronte ao Grasshopper está o vigués de 37 anos Pablo Núñez, que utiliza en Twitter o nome de «un galego nos Alpes». É alí, no pobo de Engelberg, preto de Lucerna, onde reside desde hai case doce anos este celtista do barrio de Teis, «como Ilaix Moriba», menciona seguindo a brincadeira do club sobre o futbolista céltico. «Aquí vivían xa de antes uns moi bos amigos que cando a situación en Vigo non estaba moi ben animáronme a vir, e aquí seguimos a día de hoxe», di este afeccionado nado en Cádiz, pero que se mudou con oito anos a Vigo, de onde se sinte.
Desde Engelberg desprázanse oito persoas, a maioría delas, integrantes da peña alemá, Die Himmelblauen -que xa estivo representada en Stuttgart o sábado-. «Eles abriron as portas de Alemaña para nós e xa imos sumando máis xente de Galiza, España e algún camuflado suízo que gusta do noso fútbol», conta. Este partido é unha ocasión especial para todos eles. «Estamos moi ilusionados pola visita e de cara ás posibles viaxes por Europa, a miña idea sempre foi a de ter unha peña en Suíza, pero non sei moi ben os temas burocráticos», desliza.
Núñez foi deses tantos nenos que comezaron a ir a Balaídos coa entradas que regalaban nas escolas - «estaría ben que o recuperasen», suxire-. «Despois, pasaron os anos e xa me facía socio cos colegas e tal. A día de hoxe, por fin temos o Carné Celtista, aínda que eu son abonado da bancada de animación, un carné que non podo desfrutar todo o que me gustaría pero sempre que podo, baixo a ver un partido aínda que sexa unha viaxe exprés», detalla.
Revela que xa ten apalabrado co seu xefe «poder ir ver os partidos da Europa League deste ano», nos que espera non sufrir tanto coma en Old Trafford. «Ademais, tiven que ver aquel partido caladiño na grada local. Por sorte, en setembro xa baixo de vacacións á terriña, poderei ir a Balaídos e, despois, Europa League e algún partido este ano tamén estamos planeando», con Athletic Club e Sevilla como posibilidades que barallan.
Seguir os partidos no seu lugar de residencia é «moi sufrido», recoñece. «O Celta sempre foi un equipo que nos fixo sufrir, e aínda máis, nas últimas épocas, e mellor non falar de Benítez, pero é que a máis de 2.000 quilómetros de Balaídos, e no meu caso, mil metros máis de desnivel, a cousa non é sinxela», apunta. Sen pasar por alto que «este ano foi unha tranquilidade e un gozo poder ver ao Celta, xogando ben e desfrutando. Ver o celtismo medrar e dar impulso».
Dálle mágoa non ter podido gozar de tan bos momentos celestes in situ, pero «o orgullo é tremendo» a esta pretempada si lle dá unha oportunidade moi ansiada. «A visita a Suíza e algo que agardaba durante moitos anos», afirma. Lembra que son moitos os celtistas que residen fóra e non dubida de que a todos lles gustaría moito «que o Celta siga a facer estas xiras ou mini-xiras por Europa». Así mesmo, dilles aos celtistas que si están en condicións de ir a Balaídos cada xornada do equipo como local: «Que berren por nós, que como di Heredeiros, de Galiza ao estranxeiro hai catro metros e medio… Todos xuntos sempre, sexa onde sexa».