Hai que desfrutar a Iago

Xurxo Otero VIGO

GRADA DE RÍO

FERNANDO VILLAR | EFE

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Aspas é consciente da idade que ten, pero mantense moi ben, imaxino que se coida moito e segue sendo un xogador moi importante. Porque con 38 anos non estás para ser titular en 40 partidos, máis este ano, coa Europa League, pero segue sendo determinante polo que significa para a afección e para os xogadores da canteira, pois estamos a falar dun xogador que vai marcar a historia do club. Claudio Giráldez seguro que o vai utilizar moito e Iago é o suficientemente intelixente para saber que non pode manter o ritmo de hai dez anos.

Sempre pensei que podería soster este nivel porque é un futbolista que nunca tivo lesións graves, cóidase, é moi intelixente no terreo de xogo, sabe dosificarse e, ademais, é un xogador moi fino. Non me sorprende que siga sendo tan importante, porque sabe adaptarse ás circunstancias do equipo e ás persoais, algo que outros moitos non fan.

No fútbol, falando de futuro, hai que ir día a día, pero seguro que Iago, a medida que pasen os partidos e como se vaia topando, vai ser moi honesto. En canto non se sinta importante ou vexa que non pode dar todo o que el quere e pretende, dará un paso atrás e estará no club dende outra posición. Hai que desfrutalo.