A veterana peña plasmou o gran momento que vive o celtismo tamén na localidade cunha celebración por todo o alto
11 ago 2025 . Actualizado a las 10:27 h.Xa van 28 romarías celtistas en Muros a cargo da Peña Celtista Muradana Cuadrilla de Pepa Loba. Esta nova edición tivo lugar este sábado e, unha vez máis, resultou todo un éxito. De feito, superáronse todas as expectativas, con medio millar de persoas que pasaron pola celebración, que tivo lugar no Ancoradoiro de Muros, e quedaron sen existencias, dado que non contaban con tanta xente. Houbo barra libre de comida e bebida desde as 13.00 ata as 17.00 horas.
A música foi cousa de Supernova, formación viguesa que ofrecía un concerto fóra da súa cidade por primeira vez; The Balayos; o artista emerxente da música urbana galega Xián Pais e, como fin de festa, Dj Fabio Vázquez. Foi a primeira vez que decidiron cobrar aos non peñistas e iso serviu de reclamo para sumar un bo feixe de socios a unha das agrupacións celtistas con máis tradición e antigüidade, que nos últimos anos se renovou tamén cun relevo na directiva.
Precisamente, o seu presidente, Gabriel Lago, tamén tomou a palabra cun discurso moi aplaudido no que, ademais de subliñar o gran momento que vive o celtismo e chamar a gozar deda ilusionante tempada que está a piques de comezar, quixo «reivindicar a defensa dos dereitos humanos e tamén da identidade como galegos», explica el mesmo. Así, fixo referencia á perda de falantes do galego, á necesidade dun servizo de pediatría de garantías para os veciños, á problemática dos incendios, á oposición a Altri ou en favor de Palestina.