Da Illa a Balaídos en autobús, en catamarán... e a pé

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

O atleta Pablo Otero, peñista de Carcamäns, comprometeuse a correr os 70 quilómetros que separan a súa vila de Vigo se o equipo se clasificaba para a Europa League e vai cumprir este domingo, para acudir al Celta-Xetafe

16 ago 2025 . Actualizado a las 09:59 h.

Normalmente, vai no autobús de Carcamäns aos partidos do Celta en Balaídos e, nalgunhas das ocasións nas que a súa peña organizou ese desprazamento, tamén foi dos que chegaron en catamarán. Pero este domingo, Pablo Otero, que está a piques de cumprir 27 anos, utilizará un medio de transporte diferente: as súas propias pernas. Vai cumprir unha desas apostas futbolísticas que dependen de que o teu equipo acade un obxectivo, neste caso, a clasificación para a Europa League.

Celtista desde neno, desde que o seu tío o levaba ao estadio municipal vigués con cinco ou seis anos -calcula- e xa non deixou de ir, comezou no atletismo aos 21, «subindo e mellorando pouco a pouco ata ser segundo de España a nivel absoluto na milla». Agora, une esas dúas paixóns, o deporte que practica e o equipo de fútbol ao que segue, nun reto que consistirá en percorrer a pé os 70 quilómetros que separan a súa vila de Vigo.

Este desafío vén dunha broma que acabou indo moi en serio. «Cando dixen de facelo, falando cos amigos, iamos décimo cuartos ou así, a verdade é que non confiaba, víao difícil», admite. Pero as súas verbas non caeron no esquecemento e a medida que as opcións do Celta de meterse eran reais, cada vez llo lembraban máis. «Ao principio pensaba que non o ía ter que facer e acabei vendo que non ía quedar outra, pero oxalá pase todos os anos algo polo estilo», desexa.

Unha vez clasificado o Celta e asumido que ía ter que cumprir coa súa palabra, conta que este reto non lle requiriu unha preparación específica. «Nunca fixen nin a metade, pero como non é un ritmo esixente nin nada competitivo, podo ir amodo, ao trote, para chegar en seis horas. Non vou pensando en tempos nin en nada polo estilo», afonda. Vaino facer por etapas (O Mosteiro, Pontevedra e Redondela), con paradas para que se lle poida sumar xente, e mais un amigo que o vai acompañar en bicicleta. Irá vestido con camiseta do Celta, algo innegociable dada a ocasión.

Despois, quedará a ver o partido no seu lugar habitual da bancada de animación e retornará no autobús de Carcamäns. «A peña apóiame en todo o que poda e estou moi contento tamén pola súa axuda», conta. O Celta tamén se interesou e inmortalizará a súa aventura. El non buscaba nin esperaba que a súa iniciativa chegase a ser tan mediática. «Non era a miña idea, pero empezou a moverse e aquí estamos», engade. E aínda que leva acadados éxitos como atleta, «non move as multitudes do fútbol», constata.

Otero conta tamén con que as condicións climatolóxicas non sexan un impedimento no seu traxecto. «Dan 26 de máximo e estes días estiven adestrando con 30 e pico, e ás horas que máis pega o sol, pero si que é certo que correndo menos, entre 14 e 18 quilómetros todos os días», detalla. Ademais, garante que lle quedarán folgos para animar desde a súa butaca: «Algunhas van quedar, iso seguro».