Carcamäns organiza fronte ao Girona o seu quinto desprazamento en catamarán a Balaídos
GRADA DE RÍO

Os resultados do Celta acompañaron sempre que a peña da Illa de Arousa promoveu unha destas viaxes por mar a Vigo
08 sep 2025 . Actualizado a las 16:11 h.Entre a viaxe máis recente de Carcamäns en catamarán a Balaídos e a inmediatamente anterior houbo que esperar un lustro, pero nada que ver nesta ocasión. Porque fora en setembro do 2024, para un Celta-Valladolid (3-1), e pouco despois dun ano máis tarde, volven facelo esperando que o resultado do compromiso fronte ao Girona desde domingo (14.00) sexa tamén favorable.
«Este domingo, volve o Catamarän!! Se queres vir, reserva a tua praza entre hoxe e o mércores. Ata completar aforo, prazas moi limitadas. Saímos ás 9.00 desde a Arousa. Só para socios!!», vén de anunciar a peña da Illa de Arousa, a de máis membros de todas as existentes, que tamén dá a opción aos integrantes que queiran de facer a viaxe en autobús, o seu medio de transporte habitual, saíndo do municipio ás 11.30.
Cando hai unas semanas un peñista decidiu completar o percorrido entre as dúas vilas a pé, os Carcamäns bromearon con que o catamarán xa estaba moi visto e había que innovar. Pero apenas un par de partidos despois daquilo, optan por repetir unha idea que sempre tivo moi boa resposta e que, ademais, case sempre foi acompañada por bos resultados do equipo nos encontros que escolleron.
A primeira vez que Carcamäns impulsou un desprazamento por mar a Balaídos foi hai preto de trece anos, o 22 de setembro do 2012, para un partido ante o Xetafe (2-1). Seis anos máis tarde, en setembro do 2018 -con motivo do seu 20 aniversario-, repetían para un partido fronte ao Valladolid (3-3) -igual que hai agora un ano- e en agosto do 2019, elixían un Celta-Valencia (1-0).