
O adestrador fixa o obexectivo de achegar aos xogadores ao Celta Fortuna e ao primeiro equipo
12 sep 2025 . Actualizado a las 19:56 h.O adestrador do Celta Xuvenil A, Alberto Suárez, móstrase «moi contento» co traballo do equipo nunha pretempada que chega á súa fin co primeiro partido de liga, este domingo fronte ao Deportivo. «Cada semana, fomos o mellor equipo. Os rapaces foron asimilando o que queremos. Chegamos con moi boa sensación, con todos os futbolistas a un nivel moi bo para comezar a Liga», afonda.
Di que todos esperan este partido «con moitas ganas», asumindo á vez que «probablemente, ningún dos dous equipos estea neste momento ao mellor nivel» que van acadar durante o ano. «Será un partido moi igualado, de moita emoción, no que seguro que veremos moi bo fútbol e moitos xogadores de moito nivel», vaticina. Sabe que este tipo de partidos adoitan «decidirse por detalles pequenos, no acerto nas áreas». «Estou seguro de que estaremos moi ben e de que faremos moitas cousas para levar o partido», engade.
A vista do Xuvenil A estará posta, «coma sempre», nos equipos de arriba. «Queremos asemellarnos o máximo posible ao primeiro equipo e ao Fortuna. É a idea: manter a mesma liña de xogo». A maiores, fai fincapé en que este ano, no club queren «dar un paso adiante no balón parado», que se lle está concedendo moita importancia e lles gustaría que se amosara no seus partidos o avance nese aspecto do xogo, mantendo o que están facendo ben no resto.
O obxectivo non cambia respecto a anos previos. «É seguir mellorando aos xogadores, acercalos ao fútbol profesional. Temos exemplos de sobra de futbolistas que aínda en idade xuvenil, están facéndoo moi ben en Primeira Federación», tanto en referencia ao ano pasado coma neste, con mención especial a Anxo Rodríguez. «Só hai que ver os dous primeiros partidos que fixo. Son os exemplos cos que quedamos e esperamos que a final de tempada sexan moitos máis», desexa.
Para Suárez, «é un orgullo ir ver o filial e ver tantos xogadores que pasaron nos últimos anos polo Xuvenil, que chegan e que renden ao nivel que están facendo». Pensa que todo isto «vén a reflectir o traballo non só do Xuvenil, senón de toda a xente na Madroa, desde o Benxamín B», subliña.
O adestrador, por outra banda, espera «unha categoría similar aos últimos anos», coas canteiras «un punto por riba en canto a talento». Despois, prosegue, ve «moitísimos equipos que son moi complicados de gañar» porque se trata da máxima categoría do fútbol xuvenil. «Todos os equipos teñen futbolistas de nivel e están preparados a nivel táctico. Nós, a seguir facendo o que estamos facendo e intentar gañar en todos os partidos», afirma.
A ollos do seu adestrador, o Celta ten este ano «un xuvenil para pasalo moi ben». «Creo que vai ser un equipo co que imos desfrutar todos véndoo xogar, con moitos futbolistas de moito talento aos que, probablemente, en pouco tempo os vexamos en Balaídos», sostén. E anima á xente «a vir pola Madroa e a desfrutar destes rapaces que despois, cando os vexan en Balaídos, se antes os viches alí, sentes algo moi especial», conclúe.