
Tres membros da Peña Celtista de Nova York cumpriron a súa promesa, un reto co que tamén esperan «dar sorte» ao equipo para a andaina que comeza este xoves
24 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Peña Celtista de Nova York cumpriu en vésperas do debut europeo do Celta, fronte ao Stuttgart este xoves, a promesa que fixera supeditada á clasificación europea. Amosábano a través da súa conta de Instagram. «Este verán cumprimos a nosa promesa de percorrer case toda a illa de Manhattan en conmemoración da clasificación a Europa», introducían. E detallaban: «Dende un lugar tan simbólico como os MET Cloisters, uns mosteiros situados na punta norte da illa, ata o barrio de Little Italy, practicamente na punta sur, onde se atopa a nosa sede (Tomiño), e onde nos recibiron coma sempre, excelentemente, para recuperar os folgos».
Foron uns 30 quilómetros «nunha mañá chea de celtismo». «Agora que voltamos a xogar a Europa League a próxima semana en Stuttgart, esta é a nosa mensaxe de ánimo, ilusión e afouteza para esta competición!», indicaban para finalizar. A idea desta iniciativa era «tentar seguir a tradición que existía noutras épocas, coma na década dos 90 e os 2000, cando se acadaba a clasificación a Europa na que algún membro da directiva ou do corpo técnico facía algún tramo do Camiño de Santiago en forma de tributo pola boa tempada e para arrincar ben a nova andanza», conta o seu presidente, Andrés.
Foi el quen propuxo facer unha camiñada en homenaxe a esa tradición. «Foi sobre mediados de tempada, cando o obxectivo parecía que podía chegar. Se se conseguía, de forma análoga, xa que non estamos en Galicia, os que se apuntasen, farían a ruta dende a sede ata un lugar simbólico na punta norte de Manhattan, que son os MET Cloisters, uns mosteiros traídos pedra a pedra dende varios puntos de Europa precisamente, e que se atopan nun parque na beira do río Hudson», detalla a La Voz.
Foron tres membros e, conta o presidente, «con bo criterio, un dos peñistas que se apuntaron propuxo darlle a volta e comezar nos mosteiros, con destino final a taberna galega onde se reúne a peña para eventos e ver os partidos en Manhattan (Tomiño)». Desa forma, relata, á chegada, habería «unha boa recompensa en forma da nosa típica comida galega». A camiñata prolongouse durante unhas catro horas, «case todo pola beira do Hudson a bo ritmo e sen parar, ata chegar á zona de Chelsea, onde foron xirando nun tramo máis urbano con destino o barrio de Little Italy, onde se atopa Tomiño». Celebra que «todo saiu moi ben» e esperan «que traía moita sorte para esta competición».