Oliveira de Teis, unha peña de futuro para un barrio que respira celtismo 

M. V. F. VIGO

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Un grupo de mozos impulsa a agrupación celtista viguesa, que acadou en tempo récord os 150 integrantes como mostra da demanda que había dun proxecto así na zona 

30 sep 2025 . Actualizado a las 09:27 h.

A cafetería Mausi, na rúa Buenos Aires, énchese cada vez que xoga o Celta dun nutrido grupo de mozos -na súa maioría- afeccionados que hai pouco estrearon bufandas. Nelas pode lerse «Oliveira de Teis», o nome da nova peña do barrio vigués, que comezou a funcionar de maneira activa este pasado verán e que acadou en tempo récord os 150 integrantes.

Todo xorde dun grupo de arredor dunha decena de amigos que son socios do club vigués e que levan anos indo a Balaídos, malia a súa xuventude -roldan los 24-26 anos-. «Xa ía moito tempo coa intención de facer unha peña, pero ninguén se animaba. Este ano, animeime eu e fixen todos os trámites e demais. Aínda que a idea era de todos», conta Saúl Piñeiro, presidente da nova agrupación celtista, que admite que non contaban con ser tantos en tan pouco tempo.

Saben que non son o primeiro colectivo celtista no barrio, pero ningún outro estaba activo nos últimos anos e a acollida que tiveron é a mellor mostra de que había ganas. «Cando era pequeno si que lembro algunha. Aquí vive moita xente e hai moito celtismo, pero non esperabamos que tanta xente se apuntase», comenta o cabeza visible de Oliveira de Teis. «É certo que a clasificación para Europa puido axudar, pero a idea viña de antes, levabamos anos pensándoo», indica.

A idea coa que xorde este proxecto é «ver os partidos todos xuntos, intentar facer algunhas viaxes e ese tipo de cousas». No que se refire a Balaídos, están espallados polo estadio, pero a maioría son socios da bancada de animación, en Marcador Baixo. E teñen membros que pertencían a outras peñas e que agora aproveitan a opción de ser dunha «do seu barrio, cos amigos».

No que se refire ao seu bautismo como Oliveira de Teis, tirando do nome do himno do centenario -Oliveira dos cen anos, de C. Tangana-, comenta Piñeiro que barallaron algún outro que «non convencía moito», todo o contrario que que finalmente escolleron. «En cando decidimos tirar cara adiante coa idea da peña, ocorréusenos pronto e gustounos bastante», detalla. Así que non houbo demasiado debate, tiñan claro que deran coa tecla.

Están abertos a todo celtista que se identifique coa súa maneira entusiasta e de apoio incondicional de vivir o celtismo, especialmente se son de Teis, se ben non se trata dun requisito imprescindible. «Aínda que xa se mandaron os datos dos peñistas desta tempada á Federación, quen queira unirse pode seguir facéndoo e nós encantados», afirma. Máis alá do groso de mocidade, teñen «nais, pais e mesmo avós; de todo».

Fronte ao Rayo, reunidos no seu Mausi, estrearon as súas bufandas, coas que levaban tempo esperando poder contar e que encheron de cor celeste a terraza do establecemento, onde non colle un alma cando xoga o equipo que é a razón de ser de Oliveira de Teis. Un paso máis para unha peña que nace con moita forza e vocación de futuro.