O parque de Belvís acolle este sábado o 15 aniversario da peña Merlegos Celestes

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

A celebración comezará ás 12.00 na sede da peña compostelá, o bar Merlego

08 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A peña celtista compostelá Merlegos Celestes celebra este vindeiro sábado 11 o seu décimo quinto aniversario, que lles chega nun momento moi doce, co seu tope de preto de 400 membros. O evento, aberto a todos os simpatizantes do Celta que se queiran sumar -o número de contacto é 620 309 012-, cólleos nunha etapa frenética como peña multitudinaria que son, con moitas viaxes a Balaídos que organizar; moitos outros partidos a domicilio que vivir na súa sede, o Merlego, e a ilusión de ter moito máis que celebrar. Por iso o seu presidente, Miguel Barja, fala dun evento modesto, aínda que cando comeza a detallar todo o que teñen preparado, a cousa é distinta.

O escenario será o parque de Belvís, unha das opcións que barallaban e que finalmente lles concederon. «Vai ser unha comida con música e pequenas actuacións. Decidimos non facer un gran despregue porque vai ser unha tempada longa e esperamos que exitosa», di o presidente. A premisa esencial está clara: «O importante é xuntarse». Un membro da peña, Kote, será o DJ que amenice o evento e que tamén fai malabares. «É un artistazo que pincha moi ben, sobre todo música enfocada aos celtistas, ao selo el tamén», indica.

A música tamén será cousa do grupo UyF75 e, a maiores, haberá un tatuador, Sanmain Tatto, que fará tatuaxes con motivos celtistas ou o que soliciten os asistentes. A iso suman ao salón de perruquería Marta Álvarez, que vai pintar pandas nas uñas ao estilo do anuncio do retorno de Borja Iglesias ao Celta. Tamén apostan por JM Barber para ofrecer cortes de pelo e por un artesán, Miguel Fuentes, que fará pulseiras tamén con motivos celestes ou o que se lle encargue.

Ao ser en fin de semana, non é posible que acudan xogadores, aínda que si esperan contar coa asistencia dalgún veterano, unha idea que tamén lles encanta, di Barja, que ten sobre a mesa algúns dos nomes que poderían ir, se ben non é seguro polo momento. Si está confirmada a presenza do conselleiro Miguel Álvarez e do presidente da Federación de Peñas do Celta, Pepe Méndez. Esa comitiva do Celta será recibida na súa sede, o Merlego, ás 12.00, hora fixada para a sesión vermú que precederá ao xantar en Belvís, a cinco minutos do local. Trala comida, será o momento do grupo e do DJ, e mentres soa a música, estarán xa listas o resto de propostas.