Os excélticos Vlado Gudelj e Pichi Lucas acudiron ao aniversario da peña celtista de Santiago de Compostela, creada no 2010 e que conta con preto de 400 membros
13 oct 2025 . Actualizado a las 08:22 h.A peña celtista Merlegos Celestes, de Santiago de Compostela, festexou esta fin de semana os seus primeiros quince anos de vida. A celebración deste aniversario tan especial comezou cunha sesión vermú na sede do colectivo, o Merlego; de aí trasladáronse ao parque de Belvís, lugar do acto central da xornada deste sábado.
Acompañáronos os excélticos Vlado Gudelj -actua delegado do primeiro equipo- e Pichi Lucas, así como Merchi Llanos, da área social do club vigués, e o presidente da Federación de Peñas Celtistas, Pepe Ménddez. Despois da entrega de agasallos, aínda na sede, desprazáronse ao parque para seguir co xantar, ao que se sumarn membros dunha peña irmá como é Siareiros Dezaos, e coa música e demais propostas previstas. Logo, retornaron ao Merlego para seguir coa festa.
15 anos facendo celtismo en Compostela!
— Xuntos Celta (@XuntosCelta) October 12, 2025
Moitos parabéns, @merlegosRCCV ?? pic.twitter.com/RM1b6lAuLi
No acto previo á comida, o presidente de Merlegos Celestes, Miguel Barja, tiña pensado saudar aos asistentes cun pequeno discurso, pero non foi quen. «Emocioneime e non puiden», conta a Grada de Río. E comparte as verbas que tiña pensado pronunciar: «Quería acordarme da xente que o día 22 de setembro do 2010 sentou comigo para asinar a acta fundacional e así darlle vida a este pequeno proxecto. Gustaríame lembrarme tamén da xente que xa non está entre nós. E dar as grazas a todas as persoas que nalgún momento fixeron algo pola peña, traballaron por ela», expresaba no escrito que tiña preparado.
A continuación, daba as grazas a Siareiros Dezaos, os seus «irmáns de Laín, que sempre están, nas duras e nas maduras», así coo aos representantes do club que se achegaron a Compostela para vivir canda eles «un día tan sinalado». «Agradecer a todos os que aparcaron as súas cousiñas e viñeron acompañarnos. E podemos pensar dunha maneira ou outra, pero hai algo que nos une: o Celta».