Carreira, sobre o seu gol: «Sempre estou contento de axudar, pero o importante eran os tres puntos»
GRADA DE RÍO
O canteirán do Celta agradece os cánticos finais de «orgullosos dos nosos xogadores»: «Vese que valoran o noso traballo e é unha ledicia para nós»
10 nov 2025 . Actualizado a las 10:36 h.O canteirán do Celta Sergio Carreira lembraba trala derrota fronte ao Barcelona que se sentiu «moi ledo no momento do gol, porque había moito tempo que non tiña vivido esa experiencia de marcar», pero iso queda en segundo plano despois do resultado obtido en Balaídos (2-4). «Marcho triste porque o resultado foi malo. Hai que intentar mellorar e sempre estou contento de axudar, pero o importante eran os tres puntos», sinala.
Na súa análise do encontro, lembraba que tiñan enfronte a «un equipazo que sabe moi ben dominar o xogo desde a posesión, viuse na segunda parte». Nese segundo acto, considera que o rival «controlou moito e con moita calma». Antes, no primeiro, viu ao seu equipo «a un alto nivel, buscando ese fóra de xogo, esas xogadas de gol». «Estou contento co traballo e coa atitude do equipo, pero, ao final eles, nos pequenos detalles, decidiron mellor ou tiveron máis sorte, por desgraza. Esa é a valoración», afirma.
Ademais, tivo unhas palabras moi agarimosas para o celtismo. «Ese apoio leva acompañándonos moito tempo. Son o noso motor, como dicía o outro día Pablo (Durán)», indica. «Sobre todo, hai que valorar eses cánticos de ‘orgulloso dos nosos xogadores’ cando rematamos o partido. Vese que valoran o noso traballo e para nós, pese ao resultado, é unha alegría verlles dicir esas cousas». Á súa vez, engade, eles tamén están «moi orgullosos» de ter a afección que teñen.