Manu Fernández, Meixús e Lara Martínez acompañarán a Cigarrón Celeste no seu décimo aniversario 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

CIGARRÓN CELESTE

A peña celtista de Verín celebra este mércores a súa cifra redonda cun acto no que tamén estarán Gudelj, Pepe Méndez e Merchi Llanos

12 nov 2025 . Actualizado a las 09:36 h.

A peña celtista Cigarrón Celeste, de Verín, celebra este mércores o seu décimo aniversario. Nesta data tan especial para eles, estarán acompañados polo xogador do primeiro equipo Manu Fernández; o capitán do filial Pablo Meixús, e a capitá de As Celtas, Lara Martínez. Tamén está confirmada a presenza do presidente da Federación de Peñas Celtistas, Pepe Méndez; o conselleiro Sergio Ávarez; o delegado, Vlado Gudelj; e Merchi Llanos, do departamento de abonados. Tamén existe a posibilidade de que se sume algún veterano.

Esta celebración chégalles aos celtistas do municipio ourensán nun gran momento, constata o seu actual presidente, Luis Pérez González, un dos fundadores da peña, que leva seis anos na directiva e algo menos de tempo como presidente. «A xente estase animando moito. Agora mesmo, subimos a vinte e pico persoas e andamos polos 130, con bastantes abonados e máis xente que quere facerse cando se poda», di en alusión a que non hai prazas dispoñibles agora.

O presidente recoñece moitos nervios ante a festa que van ter. «Levo dúas semanas de nerviosismo total e con moitas ganas de que chegue», conta. Non faltarán os pinchos, a música e altas doses de celtismo. «Contamos con que veña bastante xente, estamos moi ilusionados», sinala ao tempo que asegura que o traballo que lles deu a preparación paga a pena ante unha ocasión única.

Pérez González, de 63 anos, é celtista de toda a vida, leva indo a Balaídos desde os tempos de Vicente, «cando non había tanto transporte e era moito máis complicado» e non falta a Balaídos aínda que sexa entre semana. Tamén leva feitas viaxes fóra, algúns coa peña, unha das cousas das que se senten máis orgullosos. Conta que non houbo que convencelo para asumir a presidencia. «Xa me convencín eu só (risas). Fun eu o que convencín aos que crearon a peña no seu día para empezar con ela», revela.

Agora, algúns deses impulsores viven fóra e xa non están tan metidos, pero hai relevo nunha agrupación onde hai sitio para celtistas de todas as idades. «Temos un peñista que ten o número 900 e algo e tamén temos moitos nenos. Cada vez é máis habitual ver a cativos con camisetas do Celta por Verín e moitas familias contactan con nós para formar parte da peña», asegura. Pero alí, a afección celeste vén de lonxe: «Xa houbera unha peña a finais dos 50 ou principios dos 60». O relevo chegou hai dez anos para quedar.