O club vigués remite un cuestionario por correo electrónico aos seus abonados para coñelos mellor con motivo de que a cifra de celtistas con carné roza os 40.000 celtistas
14 nov 2025 . Actualizado a las 09:03 h.Ano e medio despois de que se puxese en marcha o Carné Celtista, o Celta está a piques de acadar os 40.000, sumando os abonados convencionais e aqueles que se acolleron a esa nova modalidade sen asento. Con motivo da proximidade desa cifra redonda, o club remitiu por correo electrónico este xoves aos seus afeccionados rexistrados unha enquisa que xa advirten que «non é normal». Porque mediante unha serie de preguntas, buscan coñecer a fondo cuestións sobre como nace a afección dos seus seareiros, como a viven, que significa o club para eles, cales foron os momentos máis especiais en relación a esta paixón…
«Detrás de cada unha destas persoas, unha historia de legado, amor a unhas cores, raíces e identidade. Axúdanos a coñecer como é esta familia celeste», encabezan o cuestionario. Unha das preguntas máis curiosas seguramente sexa como reaccionarían se lles ofrecesen cartos por deixar de ser do Celta, entendendo por isto que non poderían volver pisar Balaídos nin tan sequera seguir os partidos por televisión. As respostas posibles son, ou ben que «non hai cartos no mundo» ou unha serie de posibles cifras: un millón de euro, 100.000 e 10.000. Hai outras máis esperables, como se algunha vez pensaron non renovar ou quen lles inculcou o celtismo -e se llo agredederon e aínda viven o celtismo con esa persoa ou non- e en que etapa da súa vida -antes de nacer é unha das posibilidades- comezou esa paixón.
A piques de acadar os 40.000 celtistas con carné, o @RCCelta envía unha enquisa para facer un retrato do celtismo. Estas son algunhas das preguntas.
— Grada de Río (@gradaderio) November 13, 2025
E vós, cantas veces chorastes polo Celta? Cando foi a máis recente? pic.twitter.com/BkSYjuS0xw
O Celta interésase por cantas veces chorou o celtismo polo club - «perdín a conta» apunta a ser a resposta máis elixida-, cantas camisetas teñen e cales son os seus obxectos celtistas máis prezados (xa sexan camisetas, a primeira bufanda, os carnés, bandeiras ou a entrada de algún partido concreto, entre as opcións ofrecidas). Tamén presentan unha serie de acontecementos importantes para que cada celtista sinale cales viviu, desde as da historia recente (clasificación europea en Xetafe, primeiro partido de As Celtas, permanencia do 2023, semifinal de Old Trafford ou permanencia do 4 %) a outras algo máis afastadas no tempo (homenaxe a Manolo, finais de Copa, debuts de Gudelj e Aspas ou o mítico 7-0 ao Benfica).
Interésase a entidade celeste por saber que posición ocupa o celtismo para os seareiros en caso de ter que definir a súa identidade -primeiro lugar, top-3, top-10 e top-15- e pide que rememoren a súa primeira vez en Balaídos para saber que foi o que máis lles chamou a atención. As opcións neste caso son a cor do céspede, o cheiro a herba cortada, o moito que berraba a xente, as bromas sobre Celestino -antiga mascota-, que os xogadores saísen por un túnel por debaixo do terreo de xogo -o antigo de Gol- ou as bengalas e os recibimentos. «Grazas por compartir a túa historia. Sempre Celta» é a mensaxe final unha vez se completa o cuestionario.