Quinkillada lanza o tema Afouteza, «un cántico feito para os afeccionados do Celta»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

A idea de Afouteza nace na participación e varios membros de Quinkillada no aniversario de voda de Iago Aspas.
A idea de Afouteza nace na participación e varios membros de Quinkillada no aniversario de voda de Iago Aspas.

Varios membros tocaron no aniversario de voda de Iago Aspas e a raíz diso, xurdiu esta composición

11 dic 2025 . Actualizado a las 20:08 h.

A banda morrancese Quinkillada vén de lanzar un novo tema dedicado ao Celta e que leva por nome un dos termos máis relacionados co club vigués: Afouteza. Preséntana como «un cántico feito para os afeccionados» da entidade celeste con vocación de soar nas bancadas de Balaídos. Ademais, revelan a curiosa maneira na que xurdiu esta idea: Nace da participación de parte da banda no aniversario de voda de Iago Aspas, onde tocaron algúns dos membros da banda.

«Das conversas que se sucederon ese día destacaron a necesidade de ter cancións divertidas e bailables para acompañar á afección celeste nos seus partidos», afondan. E ese foi o xerme deste sinxelo da banda, que se pretende «alonxar da epicidade e institucionalidade dos himnos oficiais, enfocando o sentimento cara eses afeccionados que senten o Celta como seu e ao que lle instan a dalo todo na súa letra». Pretenderon que sexa «un himno da afección coreable, cantable e bailable» que chegue ás bancadas do estadio.

Quinkillada quere poñer en valor o seu sentimento celtista, á par que pretende «dar voz a todos os seareiros do equipo vigués». Este tema ve a luz unha semana antes do seu seguinte lanzamento musical, unha colaboración con Grande Amore e Capital Voskov que recibirá o título de Derradeira Canción. A banda comeza os adiantos do seu novo traballo, coa vista posta nun 2026.