«Cheguei a rexeitar un par de actuacións para ver ao Celta en Bilbao»

Míriam Vázquez Fraga VIGO / LA VOZ

ZONA CELESTE

Cunha camiseta de Krohn-Dehli regalo duns amigos
Cunha camiseta de Krohn-Dehli regalo duns amigos CEDIDA

O actor fala da súa afección polo equipo, acentuada pola súa pertenza á peña da Illa, onde reside, Carcamáns

10 abr 2016 . Actualizado a las 11:55 h.

Actor, autor, director, monologuista... e celtista. Coñecido polos seus espectáculos teatrais e polos mil e un personaxes aos que leva dado vida tamén en cine e televisión, o intérprete Carlos Blanco (Vilagarcía, 1959) presume de ser afeccionado do Celta e membro da peña Carcamáns, a máis numerosa do celtismo con sede na Illa, onde el reside desde hai máis de dez anos. Asegura que o seu sentimento polo equipo vigués foi a máis neste tempo contaxiado por unha vila na que se respira celtismo como salitre.

-¿De onde nace a súa afección polo Celta?

-Xa de pequeno, porque da cidade na que eu son sempre foi o equipo con máis simpatizantes, e de feito houbo unha época na que o Arousa era o segundo equipo do Celta. Pero digamos que o meu celtismo se incrementou desde que vin á Illa e me fixen socio dos Carcamáns, que son divertidísimos. Mesmo falo deles no meu espectáculo, Menú da noite, co que estaremos en Vigo o 23 de abril e conto algunha peripecia con eles en Balaídos. Finalmente os meus amigos Carcamáns son os culpables de que cada vez sinta máis ao Celta.

«Na illa respirar celtismo é como respirar salitre»

-Así que participa coma un máis na vida da peña.

-Si, si. A sede, os Baláns, é o bar no que tomo café ás mañás, cheo de bandeiras e bufandas. Na última viaxe a Escocia para actuar viña con nós un da peña e unha noite colleu a Davila e púxoo a debuxar a nova bufanda da peña, que é unha preciosidade. Fixo tres diferentes e o problema era elixir con cal quedar. Tiñas que vernos tomando cervexas e debuxando: «Mételle o escudo, mételle tal». Na Illa respírase celtismo, a xente é do Celta, os nenos mercan as camisetas. Aínda non hai moito viñeron Guidetti e Nolito e os rapaces estaban emocionados. Respirar celtismo aquí e como respirar o salitre.

Nun partido calquera en Balaídos, a onde asiste con frecuencia
Nun partido calquera en Balaídos, a onde asiste con frecuencia

-Tamén se deixa ver con frencuencia en Balaídos, ¿non?

-Si, divírtome moito indo con eles, pásoo moi ben. Ofrecéronme ir ao palco, con Carmen Avendaño, que somos moi amigos desde que rodei Heroína facendo do seu home na ficción. Ela sempre me dicía que por que non vou un día ao palco, pero a min gústame berrar, cantar o Equipo A. No palco tes que comportarte, ser máis correcto. Eu coa xente da Illa, co meu bocata de xamón, sobre todo animo, que é o que me encanta. Non son un espectador pasivo.

«Ofrecéronme ir ao palco, pero eu son máis de cantar e berrar»

-¿E cal é o mellor momento que viviu en relación co Celta?

-Probablemente o ano pasado vivín un dos momentos máis bonitos nun campo de fútbol na miña vida. Foi en San Mamés, que fun ver ao Celta cos Carcamáns -irei tamén este ano, ata dixen non a un par de actuacións esa fin de semana, porque xa tiña prevista a viaxe-. Aparte de que é a catedral é e unha preciosidade de campo, o irmanamento entre afeccións que se produce é unha preciosidade, ver aos grupo coas camisetas tomando chiquitas. E logo no campo pónseme a pel de galiña cando os 2.000 celtistas que había conseguimos tapar San Mamés e que a súa afección nolo recoñecera cunha ovación. Pero teño visto ao Celta en Guadalaxara, en sitios insólitos.

Co seu amigo Quinso vendo ao Celta en San Mamés
Co seu amigo Quinso vendo ao Celta en San Mamés

-Dicía que fala dos Carcamáns no espectáculo que representa na actualidade.  ¿Dálle moito xogo o tema?

-Aparece moito en máis dun espectáculo. Agora con Davila, que é celtista e do Morrazo, máis, porque temos esa complicidade os dous. O outro día tiñamos que actuar pero ao acabar a función o primeiro que fixemos foi mirar o resultado do derbi. Trátase moito, pero con coidado de non ofender nin ser despreciativos.

«A curta Temporada 92/93 sempre estará no meu corazón e creo que no do celtismo»

-Tamén na mítica curtametraxe Temporada 92/93 o Celta era a clave. ¿Como recorda esa experiencia?

-Creo que está no corazón do celtismo e no meu tamén. Fixémola moi sincemente e foi xenial rodar en Barcelona, con galegos e cataláns vestidos coa nosa camiseta e con Alejandro Marzoa, que é un directorazo co que teño feito tamén outras curtas. El é un sufridor na casa co Celta, busca sempre un bar onde velo... Ten un sabor especial cando ves un partido lonxe da casa. Eu hai pouco en Lituania parei, fun para o hotel, busquei un link e púxenme a ver o Celta.

Nunha escea da curtametraxe Temporada 92/93, con Miguel de Lira
Nunha escea da curtametraxe Temporada 92/93, con Miguel de Lira

-¿E como ve o tema da rivalidade co Deportivo?

-Pois non son de ir aos derbis, aparte de que neste último traballaba, non me gusta demasiado. Entendo a rivalidade, que é a salsa do fútbol, pero vivín e estudei na Coruña, admirei ao Depotivo de Fran e non me gusta cando se insulta sen vir a conto, paréceme que non hai necesidade. Aí si que non digo nada.

«Tuto Vázquez, meu pai en Mareas Vivas, era deportivista de corazón e sempre estabamos con ese pique»

-Ten traballado con multitude de deportivistas. ¿Existe pique?

Si, pero sen ningún problema. O meu pai en Mareas Vivas, Tuto Vázquez -eran Ramón e Ladislao Couto na serie- , xa falecido, era un deportivista de corazón e eu celtista. Sempre estabamos con ese pique na ficción de pai e fillo, pero entre os compañeiros moi ben sempre. De feito xoguei na ida o derbi dos artistiñas, que é verdade que me pitaron un penalti inxustísimo -risas- pero ben, a cousa hai que vivila coma este ano, sen incidentes, cunha rivalidade deportiva e punto.

Con Víctor Mosqueira e a bufanda do Celta na serie Mareas Vivas
Con Víctor Mosqueira e a bufanda do Celta na serie Mareas Vivas

-¿Tenlle tocado interpretar algún personaxe que se caracterizara por seguir ao equipo rival?

-A verdade é que non. Fixen un que era do Compostela e do Obradoiro porque o decidín eu, pero deportivistas non. En cambio do Celta xa me tocou un par de veces e non me costou nada, claro.

-Nunca ocultou a súa afección polo Celta. ¿Coméntanlle algo os afecciondos blanquiazuis que o recoñecen pola rúa?

-Bua, moitas veces, por suposto. Un dos meus primeiros espectáculos, hai 25 anos, chamouse Directamente Paco e eu poñía unhas gafas de realidade virtual e vía ao Celta gañar a Copa de Europa. Fíxeno na Coruña nun instituto de rapaces e foi complicado, ¡puxéronse como tolos! Pero tanto tiña, o espectáculo era así, se lles gustaba, ben, se non, tamén. Eu vou, actúo, digo que son celtista e por fortuna a xente ten cabeza.

Rodeado de máis afecciondos celestes
Rodeado de máis afecciondos celestes CEDIDA - TWITTER XAQUÍN PASTORIZA

-¿Cales son as primeiras lembranzas que garda en relación co equipo?

-De pequeno lembro máis ir aos campos do Arousa e do Pontevedra. O de ir a Vigo xa foi máis na adolescencia, algunha vez que me levou meu pai e logo cos amigos, foi aí cando optei máis polo Celta. Recordo moito coñecer a Gudelj e os equipazos con Mostovoi, Karpin, Míchel Salgado e toda aquela xente.

«Fago proselitismo pola causa co meu sobriño Roque, que por agora é máis do Madrid ca do Celta»

-¿E na casa tamén estivo rodeado de celtismo?

-Si, teño que recoñecer que na familia hai bastante madridista, pero digamos que si. O fillo é bo rapaz pero saíu culé, que lle imos facer, aínda que vive en Vigo e tamén lle ten cariño ao Celta. E logo estou inculcando o celtismo ao meu sobriño Roque, un fenómeno de dez anos ao que xa levo a Balaídos. Era do Barcelona, fíxose do Madrid e agora confío nunha terceira transmutación. Agora mesmo é máis do Madrid que do Celta e a miña misión é que sexa ao revés. ¡Hai que facer proselitismo pola causa! Dígolle que ser do Madrid é facilísimo, pero ser do Celta é o que realmente é chulo.

-Hai pouco intercedeu para que Marcos Pereiro e Xosé A, Touriñán gravaran un sketch na Illa cos Carcamáns, ¿como foi?

-Somos amigos e como saben que vivo por aquí, puxéronse en contacto e fixeron un sketch divertidísimo. Son declarados deportivistas, pero xente moi sensata. Víanse aquí acorralados, o outro ía ao baño bicar o cromo de Arsenio... Pero nun clima de bo rollo. Son uns tipos magníficos a pesar de ser deportivistas (risas).

Exerceu de presentador na celebración do último aniversario de Carcamáns, coa presenza de Nolito e Guidetti
Exerceu de presentador na celebración do último aniversario de Carcamáns, coa presenza de Nolito e Guidetti monica ferreiros

«O clube nunca estivo tan ben dirixido coma agora» 

-¿Como ve ao Celta actual?

-Creo que nunca estivo tan ben dirixido. Hai boa sintonía entre directiva e afección, algo que poucas veces pasou, e un proxecto serio de futuro. Non quero ser pelota, que non adoito selo, pero creo que ao presidente hai que agradecerlle o que fixo por este equipo, permitíndonos disfrutar do fútbol que estamos disfrutando. 

-¿Aposta por un Celta europeo o próximo curso?

-Entendo que é lícito querer ir a máis, pero preocúpame un pouco o síndrome europeo, o cansancio de xogar mércores e domingo, que requeriría unha plantilla máis longa. Eu aboaríame a ser oitavo, disfrutar sen sufrir e sen ir a Europa. Pero penso que si que o van conseguir e que o ano que vén veremos partido do Celta na UEFA.