A peña con sede no triángulo entre Salceda, Porriño e Tui leva ese nome pola paixón dos seus membros polo Celta y a súa vehemencia á hora de defender as súas posturas
08 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Din que viven o celtismo sobre todo «con paixón, ás veces mesmo en exceso». E de aí, da característica que mellor os define, vén o nome da peña Castróns 1923, creada hai un par de anos, pero con orixe na etapa de Segunda. «Poñémonos moi tercos nas nosas posicións á hora de opinar sobre os xogadores, sobre unha determinada proposta do adestrador... Ninguén baixa da burra, poñémonos castróns e de dicírnolo os uns aos outros quedou ese nome», revela o seu presidente, Pablo González.
O nacemento desta agrupación comezou a xestarse «ao ano seguinte dos goles de Aspas para a salvación de baixar a Segunda B». Pero daquela xa eran xente que levaba anos acudindo xuntos a Balaídos. «Pensamos que se nos xuntabamos podiamos ter algunha vantaxe. Somos todos do triángulo Salceda-Porriño-Tui, aínda que tamén hai celtistas de Tomiño, de Salvaterra, de Caldelas... Hai un bar onde coincidimos, o Antoxo, que convertemos na nosa sede», sinala.
Na actualidade son arredor de 50 peñistas, 30 dos cales son aboados. «Fomos cinco amigos os que impulsamos a peña. Pero desde que empezamos a barallar o tema ata que a montamos pasou tempo. E cando a inauguramos -en maio do 2015, coa presenza de Sergio e Álex López- xa levabamos dous anos en funcionamento», lembra. A súa media de idade anda polos 35 anos, aínda que teñen adolescentes e tamén xente que supera os 50.
Os peñistas que son aboados acoden sempre a Balaídos. Ademais, non fan un uso indiscriminado dos carnés da peña, senón que lles dan unha función moi concreta que é outra das cousas que lles caracterizan. «Prestámolos a estudantes e a persoas que están desempregadas; normalmente sempre son para eles». É a súa maneira de «dinfudir o celtismo», obxectivo último co que puxeron en marcha a peña, especialmente entre aquelas persoas con menos dispoñibilidade económica.
Son habituais na súa rutina como peña as ceas de confraternidade -«sempre contanto co horario do partido para velo antes ou despois»- e tamén os desprazamentos. Aínda que nos últimos tempos están tendo trabas para manter algúns dos seus clásicos. «Un era Vallecas, que co equipo en Segunda xa nada, e despois Bilbao, que co horario que temos este ano tampouco». Están á espera do derbi, no que tamén estiveron presentes a pasada campaña. Tamén lles queda a espiña de Europa. «Por motivos laborais non puidemos ir a ningún partido, a ver se máis adiante en caso de clasificarnos».
No bar onde se reúnen nas ocasións especiais e en calquera partido do Celta xa teñen «un recuncho reservado aparte» que empregan en exclusividade e que encheron de bandeiras e de bunfandas do resto das peñas. «Penso que das máis activas, das que van normalmente a Balaídos, xa as temos todas. Xa perdemos a conta», presume. Fóra do establecemento hai pintado un escudo do Celta e que vaia alí á hora dun partido xa sabe o que vai atopar. «Todo o mundo sabe cal é o que equipo que ten preferencia e se buscan outra cousa non veñen porque saben que non é o seu sitio».
Lembra Pablo González que son da terra de Jonathan Vila e por iso o xogador é un dos excélticos aos que máis agarimo lles gardan. «Tamén Denis pasou algunha vez polo noso bar antes de marchar a Barcelona. Logo tamén lle temos cariño a Álex López, a Sergio... E dos de fora non é que teñamos ningún fetiche, pero lémbrome moito de Gudelj e Ratkovic e dos máis recentes, Nolito ou Guidetti». Ata hai pouco, admite, facían «quinielas» sobre cando lles faría unha visita Hugo Mallo, outro dos seus predilectos e outro o obxectivo cumprido.