2023 Centenario, unha aposta polo celtismo futurista

ZONA CELESTE

CEDIDA

Pazos de Borbén conta cunha peña que tomou o seu nome da efeméride que celebrará o clube dentro de sete anos

24 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non querían ser unha peña máis e comezaron polo nome. O ano pasado xurdía en Pazos de Borbén -vila que nunca antes contara cunha agrupación celtista- a peña 2023 Centenario. A idea do nome, «futurista», como recoñece o seu autor e presidente do colectivo, Jesús Rodríguez Ubiña, ocorréuselle a el mesmo. «Gústame moito a historia do Celta, teño moitos libros e coleccionables. E barrenando que nome poñerlle lembreime do ano de fundación e pensei que quedando seis ou sete anos podiamos chamala así. ¡Agora polo menos teremos que chegar a ese ano!», sinala.

Cando apareceu a idea na súa cabeza e na dos demais fundadores, sen embargo, o centenario do clube quedaba aínda máis afastado que agora. «O proxecto vén de atrás, pero valo deixando ata que chega un momento no que por fin te decides», lembra. E o responsable de que deran o paso foi en boa medida o dono da sede, o restaurante Besadío, que tirou para convencer aos fundadores dunha promesa que, aínda que reprocha Jesús, logo non cumpriría. «Díxonos: ‘Montade a peña que coñezo a non sei quen e vos traio a Nolito’. O outro día, que tivemos cea, aínda lle recordei que Nolito nunca apareceu», conta entre risas.

Bromas a parte, na peña reina o «bo rollo» entre os membros e, como non podía ser doutro xeito, o celtismo. «Comezamos un grupo de amigos, sobre dez, e agora estamos preto dos 40». Dentro deles, xente de todas as edades, desde algún septuaxenario ata un bebé de puco máis dun ano e maila súa aportación persoal, tamén con algún dos máis novos. «Teño un neto en Suiza de 16 anos que é socio, claro. Agora vai alá unha filla e xa lle mando por ella unha bufanda e outras cousiñas para que teña decoración celtista na habitación e non perda os bos hábitos. Que o pai é o Madrid pero xa lle inculco eu que hai que ser do equipo da terra».

Jesús é natural do Porriño, así que presume orgulloso de proceder «dunha cuna de celtismo» da que ademais saíron xogadores «como Pintos, Babá, Toni ou Jonathan Vila». «Cando eu vin para aquí xa meu pai tiña todos eses libros e coleccionables da historia do Celta que por soerte agora teño eu», indica. El inculcoulle o celtismo e iso fai el agora cos seus descendentes e co pobo en xeral. «O importante para a nosa peña é levarse ben, facer un bo grupo, pasar ratos agradables grazas ao Celta e fomentar a afección polo equipo na nosa zona, iso é indiscutible».

Moitos deses ratos pásanos no Besadío, a súa sede. É propiedade dun peñista cuxos fillos, ademais, pertencen á directiva -un coma tesoureuro e outra como secretaria-. «Alí nos reunimos case sempre para ver os partidos, aínda que tamén nos turnamos con outros locais doutros socios da peña. Aínda que a sede é a sede». Os partidos alí vívense «como calquera celtista, esperando que chegue a vitoria do equipo, mellor se chega xogando ben, e cruzando os dedos para non perder». O mesmo ca en Balaídos, a onde os preto de dez que son aboados acoden sempre que hai partido.

Rodríguez Ubiña, de 63 anos, asegura que el se comprometeu a moverse para crear a peña, asumir os trámites da súa formación e logo que a colla outra persoa. Niso anda agora que 2023 Cenetenario xa correu carrerilla. «A min a metade das cousas xa se me empezan a esquecer, así que quero deixalo como presidende. Pero seguirei como socio. Hai que chegar ao centenario, a ver se daquela nos invitan a Balaídos, que con este nome temos que ser unha peña case máis famosa que calquera».