Naufraxio

Celestino Pérez

RELATOS DE VERÁN

01 ago 2025 . Actualizado a las 08:53 h.

Unha mañá de outubro, ben cedo, sae do peirao de Portonovo o pesqueiro Jaivota rumbo ás Illas Ons para pescar polbo. A tripulación está composta por Ramiro —que é o patrón—, Fernando e Manuel. O barco está cheo de nasas para o polbo e durante a travesía vanlle poñendo o cebo dentro. Ao pouco de saíren, comeza a soprar un vento forte e a embarcación móvese máis da conta. Eles, decontado descobren que hai mar de fondo, pero non lles preocupa, pois xa se viron en momentos bastante peores. Cando están preto de Ons, o vento é moito máis intenso e ademais hai forte marusía. Nun golpe de mar o pesqueiro escorou e os seus tripulantes tiveron que agarrarse fortemente á varanda do pesqueiro para que as ondas non os arrastrasen. Ante esta grave situación, Manuel —o vello mariñeiro curtido en moitas batallas co mar— propón saltar do barco antes de que encalle nas rochas. O patrón asumiu a idea do experto home de mar e mandou poñer os chalecos salvavidas. Cando Manuel ve cal é o mellor momento para saltar, grita moi forte «Agora» e, todos ao mesmo tempo, lánzanse á auga e póñense a nadar en paralelo á costa, esfórzanse para que as ondas non os leven cara a embarcación nin cara as rochas. Non miran para atrás para ver se o barco bate ou non contra as rochas; neses tráxicos instantes, o único que pensan é en salvar a vida. O certo é que o Jaivota acaba esnaquizado contra un farallón. Estiveron nadando e tragando auga máis dunha hora ata que chegaron a unha zona da costa onde non había rochas. Nada máis saíren da auga, tíranse no chan e non se moven debido ao esgotamento que lle produciu a loita coas enormes e enfurecidas ondas do mar.

A media tarde, o Patrón Maior de Portonovo, vendo como estaba a mar, preocupouse por non ver chegar a porto ao Jaivota. De seguida deu aviso a Salvamento Marítimo para ir ao rescate da tripulación, se é que estaban con vida. Cando o helicóptero os localizou, baixou un técnico pendurado dunha corda. Púxolles os arneses aos náufragos e fóronos subido de un en un. Esta operación durou unha hora, que se fixo interminable. Despois, leváronos ao hospital de Pontevedra.