A ventá azul

Maribel Rodríguez

RELATOS DE VERÁN

01 ago 2025 . Actualizado a las 08:53 h.

A meniña tiña 4 anos. No seu mundo de nena non entraban as inquedanzas dos maiores, as caras largas e serias dos pais e as bágoas mal disimuladas da súa nai. Era polo Nadal cando se decatou de que algo pasaba… Xa non ía a casa dos avós, non volveu a xogar nas escadas nin no patio co gatiño gris e a avoa deixou de facerlle as trenzas a carón da ventá azul. 

Consuelo preguntáballe aos pais pero ninguén lle respondía, «cala e xoga», dicían, «xa o entenderás cando sexas maior». Ela non o sabía pero discutiran por herdanzas entre curmáns e as familias deixaran de falarse. 

O tempo foi mudando de estación e chegou o verán coas romarías e festas das aldeas. A nena Consuelo foi a festa do San Pedro, na aldea dos avós. Chegou co pai o torreiro, no toldo empezaban a xuntarse persoas que falaban e bebían, mentres os cativos e cativas andaban de troula. A meniña esperou que houbese máis xente para desaparecer, marchou polas corredoiras da aldea vella, na procura da casa da súa infancia. Na cabeciña de 4 anos de Consuelo había unha cor e un obxecto especial, baixou por un lado e subiu por outro, buscou e rebuscou ata que a viu, a ventá azul da casa dos avós estaba alí, esperando ser atopada, e deu con ela! Por fin, podería darlle unha aperta aos velliños que tanto quería. 

Soupo chegar á casa porque se lembraba de que a avoa a peiteaba a carón desa ventá da cor do ceo. A cor máis fermosa para unha pequena meniña que só quería ser feliz.