Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Kraken»

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

23 ene 2013 . Actualizado a las 12:53 h.

Desde a antigüidade, os encontros con luras xigantes inspiraron un bo número de lendas e historias fantásticas. O feroz e temible «kraken», un ser mariño mitolóxico de xigantescas proporcións, aniñou durante séculos na imaxinación dos navegantes, enchéndolles o corpo de temores incontidos. Aos poucos, as luras xigantes foron saíndo do terreo da mitoloxía e entrando no da ciencia.

En 1854, o científico danés Japetus Steenstrup concluíu que o «kraken» non era máis que un cefalópodo abisal de grandes proporcións. E en 1874, o reverendo norteamericano Moses Harvey comprou a un pescador o primeiro exemplar completo de lura xigante, para exhibilo durante algún tempo na súa igrexa. Xa en 1880, Addison E. Verrrill, primeiro profesor de zooloxía da Universidade de Yale, utilizou a lura de Harvey para realizar o primeiro estudo científico deste tipo de invertebrados.

As luras xigantes tamén serviron de inspiración aos escritores e novelistas de diferentes épocas. Sen dúbida, a cita máis famosa pertence a Julio Verne e as súas «Vinte mil leguas de viaxe submarina». Verne dedicou todo un capítulo da novela, o XVIII da segunda parte, a narrar o encontro e violenta loita do «Nautilus» e os seus tripulantes cun destes cefalópodos. Por certo, neste capítulo Verne non distingue entre os polbos e luras e refírese indistintamente a uns e outros coma se fosen o mesmo. A narración inclúe numerosas referencias xornalísticas e científicas escollidas polo autor para dar verosimilitude ao que está a contar.