Primeira filmación dunha lura xigante no seu hábitat natural

Paco Franco del Amo pacofranco2@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

NHK / NEP / DISCOVERY CHANNEL / HANDOU

23 ene 2013 . Actualizado a las 13:54 h.

Hai uns días as imaxes dunha lura xigante devorando a outra nas profundidades do océano deron a volta ao mundo e apareceron publicadas en multitude de medios de comunicación. O vídeo, que é un aperitivo do que poderemos ver a finais de mes no episodio final da serie Curiosity, foi captado o verán pasado por científicos do Museo Nacional de Ciencia de Xapón e reporteiros da cadea pública xaponesa NHK e a estadounidense Discovery Channel. O equipo utilizou un minisubmarino para mergullarse en diferentes lugares das costa xaponesa. Tras 100 misións, e máis de 400 horas de inmersión, conseguiron filmar ao xigantesco animal a 630 metros de profundidade nun punto do océano Pacífico situado a 15 quilómetros ao sur da illa de Chichi-jima. Nas impresionantes imaxes pode verse como un exemplar de lura xigante, á que lle faltan os dous tentáculos, devora a unha lura morcego moito máis pequena. Tras uns minutos forcexando coa súa presa, o enorme cefalópodo regresa ao abismo. O submarino seguiuno ata os 900 metros de profundidade e logo volveu á superficie co seu prezado tesouro. Para o investigador do museo Tsunemi Kubodera, que viaxaba a bordo da nave, foi o momento culminante dunha longa procura. Kubodera xa conseguira fotografar luras xigantes no ano 2004. No 2006 chegou a filmar un exemplar vivo, pero o fixo desde un bote e era un animal capturado cun anzol. Pero esta vez superouse a si mesmo e conseguiu as primeiras imaxes en movemento dunha lura xigante adulta nadando libremente no seu hábitat natural. Todo un fito, tendo en conta que durante décadas ese foi o obxectivo de moitos investigadores de diferentes países; incluíndo a Ángel Guerra, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, que estivo a piques de conseguilo nos canóns submarinos das costa de Asturias durante unha das campañas do proxecto Kraken.

É moi probable que o exemplar filmado en Xapón pertenza á especie Architeuthis dux, que é o invertebrado máis grande do planeta. Aínda que se adoita dicir que esta especie chega a alcanzar os 20 metros de lonxitude, na actualidade a maior parte dos investigadores coinciden en que as dimensións máximas son de 10 metros para os machos adultos e de 15 metros para as femias. E isto contando a lonxitude dos seus dous enormes tentáculos, porque a lonxitude do manto raramente excede os 5 metros. Aínda así, a Architeuthis gañouse a pulso o título de lura xigante. Outro erro común é crer que só existe unha especie xigante, cando en realidade existen polo menos dez luras abisais de gran tamaño patrullando o océano mundial. Por exemplo, a lura colosal (Mesonychoteuthis hamiltoni) mide catro metros de lonxitude e é a que máis pesa. En 1970 un buque arrastreiro ruso capturou en augas da Antártida un gran exemplar completo desta especie. Tamén a Moroteuthis robusta, que se atopou en 1960 en augas de California e que mide dous metros de longo, é un membro destacado da familia. E non debemos esquecer a Taningia danae, que ademais de medir 2 metros de lonxitude e pesar 61 quilogramos de peso ostenta a marca de ter os órganos bioluminiscentes de maior tamaño de todo o reino animal.

Luras na rede

A páxina de Discovery News dedicada á filmación da lura xigante:

- http://news.discovery.com/earth/oceans/giant-squid-filmed-in-pacific-depths-130107.htm.

Nesta páxina da «Enciclopedia of Life», o catálogo da vida na Terra, podes consultar os datos científicos do «Architeuthis dux»:

- http://eol.org/pages/488790/overview

Se a literatura en inglés non che dá medo, esta ligazón ofrece un auténtico pozo de sabedoría sobre as luras xigantes e os colosais:

- http://www.tonmo.com/science/public/giantsquidfacts.php

Outra páxina cunha chea de información interesante. Non perdas o vídeo da disección que realizan científicos do Museo Victoria de Melbourne (Australia):

- http://marinebio.org/species.asp?id=156.

Actividade

Para pescudar se sabes distinguir entre a realidade e a ficción no que respecta a luras xigantes, recomendámosche que intentes superar o test de Discovery Channel:

- http://dsc.discovery.com/tv-shows/curiosity/topics/giant-squid-quiz.htm

Para pasar un bo intre lendo información sobre as luras xigantes, propomos visitar algunhas páxinas web.