
Achégate a unha arte que se fai co mundo
30 oct 2013 . Actualizado a las 12:31 h.Hai moitas formas de achegarse á fotografía. En Fotografía en curso aproximámonos a ela como unha arte que se fai co mundo: cos espazos, coas persoas e coa luz que nos rodean. Son os fotógrafos os que elixen que e como fotografar, cada un coas súas singularidades, coa súa forma propia de mirar o mundo e recrealo en imaxes, en instantes detidos no tempo.
Fotografía en curso desenvólvese nun percorrido de permanente ida e volta: mirar fotografías, mirar o mundo, fotografar. O vínculo entre ver e facer é fundamental. Observar fotografías permítenos acceder ao universo de autores de referencia á vez que amplía os nosos horizontes de posibilidades creativas e agudiza a nosa sensibilidade cando nos detemos a ollar o mundo.
Ver as fiestras embazadas ou as rúas esfumadas pola choiva nas fotografías de Vari Caramés posibilítanos ollar e disfrutar doutro xeito os días chuviosos de inverno; coñecer a obra de Humberto Rivas lévanos a mirar a nosa cidade atendendo a espazos que habitualmente non valoramos, e retratos como os que captura o obxectivo de José Caruncho permítennos apreciar nas persoas e os lugares detalles e matices que probablemente antes nos pasaran desapercibidos.
Un percorrido que descobre o que hai detrás de cada imaxe
Mirando a través da cámara, procurando unha imaxe na realidade e un encadre, establécese un vínculo íntimo e cada vez único co mundo. A fotografía crea lazos afectivos co entorno e estimula a súa posta en valor. E do mesmo xeito que o exercicio da fotografía vincula coa realidade próxima, a capacidade da fotografía de dar a ver o mundo a outros, de achegar realidades máis ou menos afastadas, converte esta arte nun medio de coñecemento privilexiado.
PRÁCTICAS CREATIVAS
Na primeira edición de Fotografía en curso, participaron no proxecto máis de vinte centros educativos de toda Galicia, e outros moitos en Cataluña, Portugal, Arxentina, Brasil e Zambia. Para a segunda edición, o proxecto agardar seguir contando coa participación destes centros e amplialos con outros nestes e noutros territorios.
Todos eles compartirán un mesmo programa de prácticas creativas que foron concibidas cun triplo obxectivo: facilitar unha iniciación á creación fotográfica a partir dos seus parámetros expresivos e técnicos fundamentais; propiciar o descubrimento do entorno a través da fotografía; e motivar o intercambio entre nenos e mozos de territorios moi diversos a partir dunhas prácticas comúns.
As fotografías do alumnado publícanse no apartado Exposicións da páxina web www.fotografiaencurso.org.
Un percorrido que descobre o que hai detrás de cada imaxe
Un dos eixos de Fotografía en curso é o descubrimento do patrimonio fotográfico e de grandes autores contemporáneos. A web do proxecto reúne fotografías cedidas por coleccións de museos, arquivos e fundacións, e tamén imaxes de fotógrafos de tradicións e concepcións artísticas diversas.
Experimentar a creación nesta arte, proporse como encadrar, deterse a observar a luz para elixir en que momento facer unha foto, en definitiva, e considerar as cuestións que guían o traballo dos fotógrafos permite converterse nun mellor espectador das imaxes. En Fotografía en curso, cando miremos imaxes intentaremos propornos as cuestións do creador, preguntarémonos polas súas eleccións, e observaremos o seu traballo situándonos no lugar das sempre infinitas posibilidades que ofrece a creación.
Este é o enfoque do percorrido do fondo fotográfico do proxecto, amais de deterse nas fotografías que escolle cada docente ou cada alumno. A web dispón para iso de tres ferramentas de interacción:
- A publicación de lecturas (textos sobre as imaxes, que poden ser de carácter diverso: reflexivos, poéticos, descritivos, analíticos).
- A etiquetaxe das fotografías organizadas por ámbitos: aspectos formais, cuestións técnicas, tempo, espazo, afinidades creativas?
- A elaboración de álbums nos que cada un pode reunir diversas fotografías atendendo aos criterios que queira (por exemplo, un parámetro técnico como pode ser a profundidade de campo; un elemento meteorolóxico como a chuvia; un tipo de localización como os espazos industriais).
Ademais, cada dúas semanas se publica na web unha Fotoproposta con pautas para guiar ou acompañar a análise e a reflexión sobre algunhas imaxes.
«Fotografía en curso» en La Voz de la Escuela
«Fotografía en curso» é un programa da Asociación A Bao A Qu. En Galicia organízase en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe).
Desde hoxe e ata o mes de xuño, publicaremos neste suplemento algunhas Fotopropostas e presentaremos tres prácticas creativas para levar a cabo cos alumnos. Tanto as prácticas como as Fotopropostas están dirixidas a estudantes de primaria, secundaria e bacharelato.
Con estas publicacións invitamos á participación en «Fotografía en curso», co obxectivo de crear algo máis alá da web (un espazo sobre papel, que podemos tocar) onde os alumnos, os docentes e os centros educativos poidan compartir a súas fotografías e as súas lecturas. A partir dos materiais que escolas e institutos de Galicia publiquen na páxina web de «Fotografía en curso» realizarase unha selección que será publicada neste suplemento. Esta levarase a cabo tendo en conta criterios de calidade, participación e diversidade de territorios.
Para poder publicar na web de «Fotografía en curso» requírese un usuario. Pode solicitarse sen custe a través do enderezo: fotografiaencurso@fotografiaencurso.org
Colaboran con «Fotografía en curso», facilitando as súas imaxes para o fondo fotográfico accesible na páxina web: CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), Fundación Foto Colectania, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC), Museu d?Art Contemporani de Barcelona (MACBA) e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia (MNCARS).
n PARA SABER MÁIS: www.fotografiaencurso.org