Os Premios Nobel abarcan diversas actividades e cada unha delas ten o seu galardón. Comezaron a outorgarse en 1901 e recibíronos, desde entón, unhas cen personalidades e 25 organizacións. -Aquí buscamos soamente Premios Nobel da Paz que teñan sido concedidos a persoas ou a entidades de índole científica, co fin de comprobar ata que punto a ciencia tivo un papel importante na construción e o logro da paz das persoas e os pobos. ¿Coinciden cos problemas propostos en primeira páxina? Poderás atopar máis información na web dos Premios Nobel da Paz. Aquí ofrecémosche a dirección da páxina web abreviada: (bit.ly/q1ad2A)
1. ARMAS QUÍMICAS
Eliminar arsenais de armas químicas
(La Voz, 11/10/2013). A Organización para a Prohibición das Armas Químicas (OPAQ) foi galardoada hoxe co Premio Nobel da Paz do 2013 polos seus «amplos esforzos para eliminar» estes arsenais. Os sucesos recentes en Siria, onde volveron a ser usadas armas químicas, puxeron de novo de manifesto a necesidade de incrementar os esforzos para eliminalas.
ACTIVIDADES. Nesta dirección poderás atopar como funciona a OPAQ e en que consiste a Convención Mundial sobre as armas químicas e algo moi curioso: Que facer para protexerse en caso de accidente (www.opcw.org/sp/)
2. CAMBIO CLIMÁTICO
O cambio climático: un inimigo sen precedentes
(La Voz, 12/10/2007). A loita contra o cambio climático: Premio Nobel da Paz a Al Gore e o grupo IPCC da ONU. O grupo da ONU que elaborou o informe IPCC sobre cambio climático, e que preside Rajendra Pachauri, advertiu ademais de que os ecosistemas mediterráneos, entre eles o español, están entre os máis vulnerables do mundo.
ACTIVIDADES. ¿Oíches algo algunha vez sobre a guerra da auga para o regadío?
Segundo o grupo IPC trátase dun dos problemas máis graves nas cidades, os pantanos, os pobos. ¿Hai forma científica de remedialo?
3. POBREZA
O proxecto do microcrédito
(La Voz, 13/10/2006). Muhammad Yunus, o banqueiro dos pobres, premio nobel da paz. A concesión do Premio Nobel da Paz 2006 recoñeceu o poder redentor dunha iniciativa que sacou da miseria extrema a millóns de persoas en decenas de países: «Unha paz duradeira non pode lograrse sen que unha parte importante da poboación atope os medios para saír da pobreza».
ACTIVIDADES. «O microcrédito de Cáritas é a nosa única oportunidade para saír adiante». Todos levan xa moito no paro e pertencen a colectivos que nin sequera nos anos de bonanza tiveron fácil atopar un emprego asalariado; pero coa crise, esa busca converteuse nunha misión imposible (21/05/2013).
4. ENERXÍA ATÓMICA
A OIEA e El Baradei, nobel da paz
(La Voz, 07/10/2005). A OIEA e o seu director El Baradei reciben o Nobel da Paz. O Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) e o seu director, o exipcio Mohamed El Baradei, compartiron o Nobel da Paz 2005 polos seus «esforzos por previr que a enerxía nuclear sexa utilizada con fins militares e asegurar que o uso desa enerxía con fins pacíficos se efectúa de forma segura».
ACTIVIDADES. Busca algún exemplo de central nuclear con problemas / sen problemas. ¿Por que?
5. ENFERMIDADES
Médicos Sen Fronteiras en países deprimidos
(Nobel de la Paz 1999). Atención urxente en situacións límite. A organización Médicos Sen Fronteiras non só atende en situacións urxentes de desastre, senón que alcanza lugares onde a guerra está viva. Máis de 2.500 doutores e enfermeiras a través do mundo asistindo a enfermos graves en 80 países deprimidos e tendo practicado xa máis de 200.000 operacións cirúrxicas.
ACTIVIDADES. ¿Que é MSF? Memoria MSF en España 2012. Siria: 130.000 persoas foxen dos bombardeos e son atendidas. Máis de 9.000 nenos curados do xarampón. (https://www.msf.es/)
6. AGRICULTURA
Norman Ernest Borlaug
(Nobel da Paz, 1970). «Tras os excelentes resultados no ámbito da investigación de trigo que son de todos coñecidos, sentimos a presenza dun dinámico, indomable e pouco convencional científico de investigación».
Os seus esforzos nos anos sesenta para a introdución das sementes híbridas á produción agrícola en Paquistán e India provocaron un incremento notable da produtividade agrícola, e algúns o consideran responsable de ter salvado máis de cen millóns de vidas humanas.
ACTIVIDADES. Norman Ernest Borlaug (Cresco, Iowa, Estados Unidos, 25 de marzo de 1914 - 12 de setembro do 2009) é considerado por moitos o pai da agricultura moderna e da revolución verde. (es.wikipedia.org/wiki/Norman_E._Borlaug)
7. GUERRA DE RELIXIÓNS
Lars Olof Nathan Söderblom
(Nobel de la Paz 1930). Trönö, 15 de xaneiro de 1866 - Uppsala, 12 de xullo de 1931, foi un prelado luterano sueco. A primeira etapa da súa vida dedicouna ao estudo e o ensino da historia das relixións, principalmente en Leipzig e Uppsala. Foi nomeado arcebispo de Uppsala en 1914, cabeza da Igrexa luterana sueca, onde puido realizar un gran esforzo en beneficio do ecumenismo.
ACTIVIDADES. Aos islamitas non lles gusta a oposición. Con todo, a prevención que moitos sentían sobre algúns salafistas afíns a grupos terroristas e á radicalización de certos segmentos dos partidos islamitas como os Irmáns Musulmáns está a resultar acertada. (La Voz, 31/07/2013)