As reservas da biosfera de Galicia

Antonio Sandoval Rey asandovalrey@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Carlos Ocampo

Seis espazos naturais forman un patrimonio compartido con todo o planeta

05 nov 2014 . Actualizado a las 12:34 h.

Este xornal que les foi escrito e impreso nunha reserva da biosfera recoñecida pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, mellor coñecida polas súas siglas en inglés: UNESCO. ¿Sorpréndeche? ¿Como pode ser, preguntarasche, que unha das cabeceiras máis importantes de España se elabore por completo nada menos que nun espazo natural protexido? Para responder a esta pregunta, o mellor é botar unha ollada á historia.

En novembro de 1945, pouco despois de finalizar a Segunda Guerra Mundial, fúndase a Unesco por parte das Nacións Unidas, a fin de «contribuír á consolidación da paz, a erradicación da pobreza, o desenvolvemento sostible e o diálogo intercultural mediante a educación, as ciencias, a cultura, a comunicación e a información». Dúas décadas despois, en 1970, esta organización pon en marcha o seu programa Man and Biosphere (Home e biosfera), a fin de «desenvolver unha base dentro das ciencias naturais e sociais para o uso racional e a conservación dos recursos da biosfera e para mellorar a relación global entre o home e o medio ambiente; e para predicir as consecuencias das accións de hoxe sobre o mundo do mañá, aumentando así a capacidade do home para xestionar de forma eficiente os recursos naturais da biosfera».

Con este obxectivo, empeza a declarar en diferentes zonas do mundo unha serie de reservas da biosfera, «como sitios para a conservación da diversidade biolóxica, o desenvolvemento sostible e investigación e monitoreo a longo prazo, formación e capacitación, e ensaio de estratexias para un uso máis sostible dos recursos». Hoxe son máis de 560, repartidas por 110 países. As primeiras reservas da biosfera en España creáronse en 1976. Hoxe contamos con 45, o que nos converte no segundo país do mundo en espazos deste tipo. O primeiro é Estados Unidos.

En Galicia temos seis. A máis recente é, precisamente, a que rodea a redacción e a rotativa de La Voz de Galicia. Chámase Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e engloba por completo os municipios de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza dos Ríos, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes.

Como sabedes moi ben todos os nosos lectores, desde hai moitos anos o Grupo Voz, con sede en Arteixo, a través da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, vén desenvolvendo unha intensa actividade de educación ambiental mediante o programa Voz Natura. O feito de formar parte deste territorio protexido é agora un acicate máis para seguir apostando por un futuro mellor para todos, e compartir con máis ganas se cabe eses obxectivos que a Unesco se marcou hai agora case 70 anos, e que seguen tan vixentes hoxe como entón.

? ¿Que é a biosfera?

http://bit.ly/1E0Flie

? Web da Reserva Marismas Coruñesas e Terras do Mandeo:

http://www.biosferamarinasmandeo.com

? Web do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos:

http://www.marinasbetanzos.com

? Web do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida):

www.ceida.org

? Información na web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:

http://goo.gl/WSE5W

? ¿Que é a Unesco (en castelán)?

http://bit.ly/10yk95e

? Programa Man and Biosphere, da Unesco (en castelán):

http://bit.ly/1DuQnu1

? Vídeo para ver y comentar:

http://bit.ly/1wELfkN