16 noticias amosan o desenvolvemento de 16 habilidades mentais, creativas, humanas. ¿Cantas noticias servirían como mostra da necesidade e desenvolvemento das 16 habilidades mentais presentadas polo profesor norteamericano Arthur L. Costa nos seus libros, e das que falamos hoxe en primeira páxina?
15 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Buscamos, por exemplo, na web de La Voz de Galicia a lista e resumo de noticias que aparecían o pasado 6 de febreiro, Seguramente todas esas noticias servirían dalgún modo para mostrarche esas 16 habilidades. Pero non é máis que un exercicio simbólico de clasificación, xa que, ao longo das noticias dunha semana, e non só dun día, si que o traballo de elección sería moito máis fácil. Pero vale como experimento áxil para entender de que vai a importancia da noticia para axuda do teu desenvolvemento mental e creativo cumprindo o slogan de hoxe: «A noticia é túa».
1. PERSISTENCIA: «A raíña Isabel II, de 90 anos, fai hoxe historia, unha vez máis, ao cumprir 65 anos no trono, a primeira monarca británica que celebra un xubileu de zafiro. En setembro do 2015, Isabel II superou os 63 anos de reinado da súa tataravoa, a raíña Victoria, que rexeu de 1837 ata a súa morte en 1901».
2. ESCOITA EMPÁTICA: «O titular de Industria do Goberno galego explicou que o Instituto Galego de Consumo porase a disposición dos cidadáns para “trasladar toda a información” necesaria acerca dos seus dereitos e do procedemento de reclamación».
3. METACOGNICIÓN: «¿Por que Estados Unidos xa non é o mellor país do mundo? Recuperan un discurso da serie The Newsroom que encaixa coa situación do país tras a chegada de Donald Trump á Casa Branca».
4. PREGUNTAS: «¿Que significan as estrelas EuroNCAP do teu coche? Este organismo independente avalía a seguridade dos vehículos comercializados no continente. Sen o seu labor hoxe seguiriamos conducindo coches sen airbags nin ABS».
5. COMUNICACIÓN CLARA E PRECISA: «Hai que protexer e dar a coñecer as institucións legais propias de Galicia». Louro foi reelixida hai algunhas semanas para continuar catro anos á fronte dos notarios galegos».
6. INNOVACIÓN: «Portugal pon en marcha o seu primeiro parque eólico mariño a só 60 quilómetros de Galicia. A plataforma de Windplus xa xera enerxía no país veciño».
7. PENSAMENTO INDEPEN- DENTE: «Galicia reinvéntase e supera en catro puntos á media española no 2015. Din que foi un galego, Alexandre de Fisterra, o inventor do futbolín. Ramón Verea, pai da calculadora, naceu na Estrada. Angelita Ruiz, mestra ferrolá, patentou en 1949 a súa enciclopedia mecánica».
8. TOMAR RISCOS: «“Sacáronnos rápido e aquí estamos os 12 tripulantes, todos ben para poder contalo”. O complicado estado do mar e o forte vento demorou a travesía, O barco afundiuse cando faltaban 50 millas para o seu destino».
9. INTERDEPENDENCIA: «Telecable e Euskaltel ultiman o seu acordo de fusión. A alianza daría lugar ao maior grupo de telecomunicacións do norte, cunha facturación aproximada de 750 millóns anuais».
10. AUTOCONTROL. «La Voz foi de ruta cos propietarios dos coches deportivos máis potentes. Reúnense unha vez ao mes. Poden superar os 500 cabalos e os 250.000 euros. Respectando as normas de tráfico: non todo vai ser pisar o acelerador».
11. PRECISIÓN: «Neste laboratorio píllanche seguro.Tras dar positivo no test de estrada, a mostra chega ao Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago. Unha segunda análise de drogas en saliva cunha fiabilidade de case o 100 %».
12. APLICACIÓN: «Se tes gripe, ¡fica na casa! Todos os anos a gripe fai estragos, pero este conseguiu coller a todo o mundo co pé cambiado. Esperábase que o pico da enfermidade se producise a final deste mes, pero…».
13. OS CINCO SENTIDOS: «Os 10 anuncios da Super Bowl dos que todo o mundo está a falar. Os anuncios convertéronse en si mesmos en todo un fenómeno televisivo que non só move cifras millonarias, senón que consegue captar toda a atención do público».
14. MARABÍLLATE: «Unha eclipse escurecerá a lúa chea este 11 de febreiro. É coñecida como lúa de neve. A coincidencia fará patente como a interposición da Terra entre o Sol e a Lúa proxecta unha sombra a través da superficie do noso satélite. Trátase dunha eclipse lunar penumbral».
15. HUMOR: «Nicomedes o pelón viaxa a China e Corea. Pinto & Chinto confésanse “moi contentos” coa acollida que tivo o personaxe. Desde hoxe, na balanza comercial de Galicia hai que contar co sorriso como unha das súas exportacións». 16. APRENDIZAXE PERMANENTE: «Campos de noticias: 1) Algoritmos (¿temos espía en casa?). 2) Comercio electrónico. 3) Coches autónomos. 4) Liberdade de decisión. 5) Todo un programa para estar sempre ao día».
ACTIVIDADES
A noticia non basta, pero axuda. ¿Que opinas? «A noticia é túa». Elixe a que máis che corresponde ou ansías ter.