Oenegués na picota

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un grupo de nenos de Novozybkov, cidade afectada polo desastre nuclear de Chernóbil, xogán na praia de Sabón (Arteixo) grazas á oenegué Ledicia Cativa
Un grupo de nenos de Novozybkov, cidade afectada polo desastre nuclear de Chernóbil, xogán na praia de Sabón (Arteixo) grazas á oenegué Ledicia Cativa EDUARDO PEREZ

Os abusos dalgúns membros destas organizacións que saíron recentemente á luz pública afectaron negativamente a todas elas

18 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Corruptio optimi pessima» (a corrupción dos mellores é a peor de todas). Iso é o que sentenciaba un adaxio latino que hai quen atribúe a Aristóteles e que tamén Virxilio recolle na súa Eneida. E iso é o que está a pasar na actualidade coa crise das oenegués por mor dos abusos cometidos por importantes responsables de Oxfam durante as súas actuacións despois do terremoto ocorrido hai algúns anos en Haití. A súa desprezable conduta desprestixiou a súa asociación e colocou todas as demais organizacións non gobernamentais no punto de mira de toda a sociedade. Numerosos socios e colaboradores déronse de baixa delas pondo en perigo a continuidade dos seus programas, e o desánimo pode afectar na entrega desinteresada de numerosos voluntarios para embarcarse en novos proxectos de axuda humanitaria. Por iso é necesario botar unha man para recompor o seu prestixio e o seu bo nome, evitar que paguen xustos por pecadores e evitar tamén o perigo de que proxectos de grande axuda acaben perdéndose ou danándose seriamente.

 

UNHAS INSTITUCIÓNS IMPRESCINDIBLES

Na vía social xorden cada día problemas e situacións que as Administracións públicas e os Gobernos non son capaces de solucionar. Afectan a persoas ou grupos sociais que necesitan un apoio do resto da sociedade para poder solucionar os problemas que lles afectan. Ante estas situacións, hai persoas con sensibilidade que se organizan para prestar apoio e así xorden institucións que canalizan a solidariedade. Estas institucións son coñecidas co nome xenérico de ONG, siglas que corresponden a organización non gobernamental. Proceden da sociedade civil, é dicir, da sociedade que se organiza de modo espontáneo, fóra das canles gobernamentais ou da Administración pública. Son, xa que logo, sociedades privadas, pero que teñen uns fins e obxectivos que as aproximan ao público e que non son nin o lucro nin ningunha clase de beneficio propio, senón a colaboración para solucionar os problemas doutras persoas. Fixéronse imprescindibles para paliar en países subdesenvolvidos problemas de fames negras, de saúde, de enfrontamentos raciais, de xenocidios, etcétera. Todo o cal incrementa a gravidade do ocorrido.

É probable que a primeira oenegúe da historia e a que serviu de modelo ás que viñeron despois fose a Cruz Vermella, que se fundou en Suíza no ano 1863 para prestar auxilio médico aos feridos de guerra en calquera bando. Protexida polos convenios internacionais que se asinaron, a Cruz Vermella, ou a Media Lúa Vermella, converteuse nunha organización internacional de carácter neutral e independente de calquera goberno ou exército.

 

Coñeces estas organizacións?

Cruz Vermella

  • 1.305.000 socios e 202.490 voluntarios en España (2016). Orzamento anual: 546.652.000 de euros (2016).
  • Esténdese por todos os países do mundo. Aínda que en principio foi creada para a atención dos feridos en conflitos bélicos, na actualidade estendeu o seu campo de acción a calquera tipo de atención para mellorar a saúde das persoas.

Medicus Mundi

  • 4.888 socios e 557 voluntarios. Orzamento: 11.123.714 de euros (2016).
  • Proponse a defensa da saúde como dereito humano, e promove a defensa do sistema público de saúde que garanta a equidade e a universalidade dunha atención sanitaria de calidade.

 Médicos Sen Fronteiras

  •  Persoal colaborador: 5.476. Voluntarios desprazados: 1.267. Socios: 453.293. Orzamento: 182.715.379 de euros (2016).
  •  Proporciona asistencia médica e humanitaria a poboacións que se atopan desatendidas, vítimas de conflitos bélicos, epidemias, fames negras ou catástrofes naturais.

Mans Unidas

  • 77.540 socios e 5.089 voluntarios en España. Orzamento: 48.904.645 de euros (2016).
  • É unha organización nada no ámbito da Igrexa católica. O seu obxectivo é sensibilizar á poboación e captar axudas para os países do Terceiro Mundo. Promove proxectos de desenvolvemento en África, América Latina e Asia.

Oxfam Intermón

  • 236.000 socios, 70.922 voluntarios. Orzamento: 100.373.238 de euros (2016).
  • O seu obxectivo é a mellora de poboacións desfavorecidas en América, África e Asia. Promove proxectos de desenvolvemento e acción humanitaria.

Cáritas Española

  • 85.000 voluntarios en España. 4.800 traballadores contratados (2016). Orzamento: 358.000.000.
  • Organización creada pola Conferencia Episcopal e pertencente á Igrexa católica. O seu ámbito de actuación é España. O seu obxectivo é paliar as desigualdades sociais e loitar contra a pobreza e a exclusión social.

Save the Children

  • 84.862 socios e 343 voluntarios en España (2016). Orzamento: 30.000.000 de euros.
  • Institución dedicada á protección dos nenos, a prevención dos abusos e a defensa dos seus dereitos.

 

O territorio da solidariedade

As oenegúes xurdidas desde estas orixes presentan unhas características parecidas. Son institucións supranacionais cuxa acción se desenvolve por moitos territorios. Son independentes dos Gobernos e das Administracións públicas. Son neutrais e autónomas na execución dos seus proxectos. Dedícanse á solución de problemas obxectivos que as definen, por exemplo a saúde de grupos sociais desfavorecidos, a protección dos dereitos dos detidos, a protección das poboacións indíxenas, etcétera. Sostéñense economicamente polas achegas voluntarias dos seus socios e colaboradores. Executan os seus proxectos mediante o traballo de cooperantes voluntarios.

Estas institucións están facendo un traballo fundamental para a instauración dunhas sociedades máis xustas. Serven non só para paliar en parte os problemas sociais que afectan o mundo, senón tamén para estimular e desenvolver o espírito de solidariedade, cada vez máis necesario nun mundo globalizado. Ninguén poderá dicir hoxe que non ten ao seu alcance canles para prestar a súa colaboración voluntaria para que o mundo no que vivimos sexa cada día un pouquiño mellor.

FORMAS DE AXUDAR

As actividades das distintas oenegués aparecen en todos os medios de comunicación e as súas reclamacións de colaboración son permanentes. Numerosos voluntarios asáltannos cada día en rúas e prazas para convencernos de que colaboremos con eles. A poboación presta dous tipos diferentes de axuda a estas institucións. Moitos ofrecen achegas pecuniarias. Fanse socios da oenegúe e abonan periodicamente unha tarifa determinada. Deste xeito fan posible que se realicen os seus proxectos. Pero tamén hai quen se converten en voluntarios e achegan a súa actividade e o seu traballo á execución dun proxecto determinado. A algúns esta actividade ocúpalles algunhas horas á semana, pero hai tamén quen regala todo o seu tempo durante meses ou anos da súa vida, incluso trasladándose a outros países onde desenvolven a súa acción solidaria en beneficio de quen os necesita. Estas persoas son os cooperantes. Na actualidade calcúlase que hai máis de 1.400 españois traballando de forma voluntaria en América Latina, África e Extremo Oriente. A eles hai que engadir 14.100 misioneiros.

actividades

A1. A relación de oenegués facilitada pode servir de base para confeccionar un ficheiro no que se recollan esas e outras. Investigade na Rede e nos medios de comunicación para completalo.

 

A2. Investigade se na vosa localidade ou na súa contorna hai algunha delegación dalgunha oenegúe e buscade nelas información directa e formas de colaboración posible. Pedide información na rúa a algún dos voluntarios que a están ofrecendo de modo permanente. Organizade en clase algunha sesión informativa invitando a algún destes voluntarios.

 

A3. Todas as oenegués teñen o seu logotipo, que serve para identificalas. Buscade en Internet o de cada unha e facede unha exposición de logotipos para afacervos a distinguilas.

 

A4. Hai outros movementos globais que traballan pola defensa dos dereitos humanos ou a protección e conservación do medio ambiente, como Amnistía Internacional, Greenpeace ou Word Wild Fund for Nature (WWF), que contan con millóns de colaboradores en todo o mundo. Buscade información sobre eles.