
Ao chegar o outono, algunhas marchan cara ao sur, outras chegan do norte e hainas tamén que quedan entre nós todo o ano
09 oct 2019 . Actualizado a las 14:49 h.É tempo de cambios. O verán parece cada vez máis afastado, pero á vez o inicio de curso resulta aínda recente. Nas árbores as follas comezan a amarelecer, vense cada vez menos bolboretas e libélulas nos campos, aparecen cogomelos nos prados, as noites empezan a ser máis longas que os días, os paraugas despréganse con maior frecuencia... E mentres unhas aves nos abandonan ata a vindeira primavera, outras chegan a facernos compañía durante os meses máis fríos do ano.
Entre as que nos deixan, a maioría marcharon hai poucas semanas. Para elas, en outubro convén ter cambiado xa Europa por África. En canto ás que van chegando desde o norte, algunhas fano aínda sen demasiada présa. Ás veces parece que esperan a que as primeiras xeadas as animen a partir. E tamén están as de hábitos sedentarios, que prefiren non moverse de onde naceron, ou afastarse moi pouco dos lugares que mellor coñecen.
POR QUE VIAXAN?
Porque, claro, que impulsa a unha ave migratoria a facer as maletas e marchar de viaxe?
Os motivos son varios, e a miúdo un pouco diferentes segundo de que especie falemos. En xeral, todas senten en outono e primavera dentro dos seus pequenos peitos unha sensación que as invita a partir. Os científicos alemáns que comezaron a investigar ese instinto viaxeiro chamárono Zugunruhe. Sentiches ti algunha vez algo parecido?
Logo está a necesidade de atopar lugares adecuados para sobrevivir. É dicir, ricos en alimento e con suficientes refuxios. No norte, ese tipo de lugares son moi abundantes durante a primavera, pero moi escasos en inverno. Nas zonas tropicais, aínda que son moito máis abundantes todo o ano, tamén hai moitas máis aves coas que competir por eles, e máis tipos de depredadores e parasitos. E por isto moitas especies acoden a criar ao norte e regresan ao sur en outono.
Nas latitudes máis tépedas, como a nosa, o que temos é un pouco unha mestura de ambas as opcións. As aves que soportan mellor o frío quedan ou veñen ata aquí, e as que prefiren a calor abandónannos ata dentro de seis meses.
Unhas e outras contan cun excelente manual de viaxe para non perderse e chegar onde desexan. Tamén, misteriosamente, as que o fan por primeira vez! No seu caso, ese manual está escrito nos seus xenes desde o mesmísimo ovo. Grazas a iso, moitos paxaros nados en maio ou xuño son capaces de voar cara ao sur por si sos, sen axuda dos seus pais, en setembro e en outubro.
Imaxinas que ti tiveses algo así? É máis: con que tipo de habelencias similares cres que vimos ao mundo os seres humanos? Que outras aprendemos segundo imos crecendo? Cales cres que son as máis importantes de todas elas?
O SEU MANUAL DE VIAXE
En canto ás aves viaxeiras, o seu manual explícalles, entre outras cousas:
- Como saber cando chegou o momento de comezar a viaxe.
- Como orientarse no ceo nocturno, en concreto segundo a situación da estrela polar.
- Como orientarse segundo a situación do sol ao pórse.
- Como seguir as correntes magnéticas que percorren o planeta.
- Como guiarse polo olfacto.
- Como recoñecer a inminencia de mal tempo e as formas da paisaxe.
- Como aprender a recoñecer moitos tipos de sons, por exemplo o daqueles lugares máis ricos en alimento.
Cada especie ten o seu propio manual. Nos dalgunhas faltan algúns deses capítulos, mentres que outros teñen moitas páxinas.
Busca máis información acerca desas formas de orientarse que teñen as aves. E dedica un intre a saír a dar un paseo para observalas. Seranche moi útiles uns prismáticos e unha guía de campo para identificar as que atopes. Apunta nun caderno, xunto ao seu nome, se é unha especie viaxeira ou sedentaria. Despois investiga máis acerca dela.
Nestas páxinas mostrámoste algunhas aves moi fáciles de ver e identificar. Son só algunhas das nosas especies viaxeiras, e tamén sedentarias, máis comúns.
As que marcharon
Andoriña común
Aínda é posible ver algunha, aínda que a maioría xa marcharon. As primeiras estarán de regreso entre febreiro e marzo. Sabes se andan preto de onde vives, ou do teu centro escolar?

Cirrio común
Xa marcharon todos. A maioría fixérono xa en agosto. Ata que regresen, entre abril e maio, pasaranse todo o tempo voando sobre os ceos de África, sen pousarse nin unha soa vez.

Lavandeira amarela
As beiras dos nosos humidais e prados estarán un pouco máis baleiras sen este paxaro tan bonito. Alá en África moitas acompañan ás grandes mandas de cebras ou ñus para comer os insectos que van levantando segundo avanzan.

Millafre negro
É unha das nosas aves rapaces migratorias. Como voa sobre todo planeando, para el é un problema cruzar o mar, onde non hai correntes ascendentes de aire quente. Por iso cruza cara a África polo estreito de Xibraltar.

As que están a chegar
Pica dos prados
Xa comezaron a chegar desde o centro e norte de Europa. Algunhas bandadas fano tras unha longa viaxe sobre o mar Cantábrico. Atoparalas ata marzo e abril en zonas abertas con abundante herba.

Estorniño pinto
Cando regresan a durmir a cidades e vilas tras pasar o día comendo nos arredores, forman ás veces inmensas bandadas que debuxan no ceo escuras siluetas en constante transformación, todo un espectáculo. Busca en Internet vídeos delas. En inglés chaman a esas bandadas murmurations.

Garza real
Aínda que algunhas quedan a pasar aquí a primavera e o verán, a maioría veñen xusto nestas datas outonais a instalarse nas beiras dos seus humidais favoritos: rías, encoros, lagoas...

Pato cristado
Son moitas as especies de patos que veñen pasar o inverno a Galicia. A maioría non chegaron aínda en grande número. Entre os máis bonitos están estes, que atoparás nalgúns encoros e lagoas.

As que non viaxan
Pardal
Coñécelo ben, verdade? Claro que si. Que sería das nosas rúas e prazas sen el? Apenas se afasta de onde nace. É dicir, que é probable que os de ben preto da túa casa sexan dunha familia do barrio de toda a vida.

Pega
É unha das nosas aves máis intelixentes. Observalas é moi divertido. Descubrirás ademais que son moito máis bonitas do que parecen: as súas plumas negras mostran ao sol unhas iridescencias moi rechamantes.

Rula turca
Chegou hai varias décadas desde Asia para quedar. Foi unha colonización natural. Alí onde aparecía, instalábase. Sobre todo, en vilas e cidades. Agora é posible vela todo o ano, pois non é unha especie migratoria.

Corvo mariño cristado
É unha das xoias aladas das nosas costas, emblema por exemplo do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A diferenza do corvo mariño grande, que si chega aquí en outono para regresar ao norte en primavera, este apenas se afasta unhas millas dos cantís e illas nos que nace.
