«O que facemos é orientalos entre tantas obras e escritores como ten a nosa lingua»
LA VOZ DE LA ESCUELA
![Nuestra Señora de la Victoria, ante la que encomendaron los expedicionarios que darían la primera vuelta al mundo](https://img.lavdg.com/sc/mfzMNc8TU8Pone0s1hrI8mciaFs=/480x/2020/01/21/00121579562522433859817/Foto/SEE22P6F1_02052.jpg)
ENTREVISTA
MANUEL YÁÑEZ DABLANCA, MANEL| PROFESOR
Manel Yáñez Dablanca (Manel) naceu en Lugo («Dentro de murallas», aclara). Comezou a dar clase en 1988, e está en Ribadeo desde 1993. As súas materias son a Filosofía, a Ética, a Antropoloxía, a Psicoloxía... e unha materia nese centro que aposta polos contidos europeístas, optativa de libre configuración para primeiro de bacharelato, chamada Europa. É profesor no IES Dionisio Gamallo, de dita localidade da Mariña lucense, e o ano pasado catro dos seus alumnos acadaron o segundo premio no concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap, convocado por Prensa-Escuela en colaboración con Viaqua.
-Como foi a idea de presentarse?
-Participamos dende hai moitos anos no programa Prensa-Escuela, e intentamos aproveitar todos os instrumentos que poñedes ao noso alcance para facer máis amenos os contidos. O blog como medio de comunicación, as entrevistas, os artigos de opinión, o uso da prensa para a reflexión na aula, a visita dun xornalista... Cremos firmemente que introducir estes recursos educativos na aula é unha necesidade que enriquece e facilita o noso labor docente.
-Que pensaban os alumnos?
-Eles viron a oportunidade de facer o que lles gustaba con textos e autores que nunca pensaron que se adaptarían ao seu ritmo. Creron que era unha forma de darlle unha oportunidade a unha música que adoitan interpretar doutro xeito; e tamén, á inversa, que era unha forma de escoitar e facer falar aos textos clásicos con moderna sonoridade.
-En que curso estaban?
-En primeiro de bacharelato. Aínda 16 anos e xa con ritmo e flow.
-Quen elixiu o texto literario?
-Estudan literatura. O que facemos como profesores é orientalos entre tantas obras e tantos escritores e escritoras como ten a nosa lingua, e seleccionar, acoutar ou sinalar algunhas obras. Entre as obras suxeridas eles decantáronse por autores clásicos e, malia a dificultade das letras, atoparon en Eduardo Pondal e no seu «Queixume dos pinos» uns fragmentos que lles pareceron os máis idóneos polo ritmo e polo contido.
-Quen compuxo a música?
-Escolleron unha base libre en YouTube, como adoitan facer para as súas propias composicións. Ás veces tamén traballan sobre uns compases básicos e introducen variacións, incluso algunha vez compoñen fondos orixinais.
-Que instrumentos empregaron?
-Ningún, o son natural de fondo, o ritmo do poema... e o resto fluíu co flow.
-Vanse presentar este ano?
-Quixeran... pero non poden, non hai opción para o alumnado de bacharelato. Queren preparar unha nova versión ampliada do seu hit, e mesmo levan tempo falando de escoller varios fragmentos clásicos da literatura galega e adaptalos ao seu ritmo rapeiro.