Concursos para espertar a creatividade

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Xaneiro é mes de poñerse as pilas despois dun primeiro trimestre que ten sempre algo de indecisión, de ver como van as cousas. Pero agora o curso vai lanzado. É tamén un momento idóneo para participar en actividades extraescolares, e entre elas hai dous concursos en marcha convocados por La Voz de Galicia: un é o Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil e o outro o Galicia, Auga, Literatura e Rap, este coa colaboración de Viaqua. Máis veterano o primeiro, que vai pola décimo sétima edición, o segundo, que acomete a sexta, recolleu un grande éxito de participación no curso pasado. Os prazos de presentación están abertos en ambos os dous casos: o 30 de abril pecha o do Mellor Xornalista e o 8 de febreiro o de Galicia, Auga, Literatura e Rap. As bases íntegras atópanse na web www.prensaescuela.es (botón Concursos).

22 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Anímate a cantar un rap e a gravalo en vídeo!

La Voz de Galicia, a través deste suplemento, e Viaqua convocan unha nova edición do concurso enmarcado no Programa Prensa-Escuela co que, dende o curso 2014/2015, vén a destacar a presenza da auga nas grandes obras da literatura galega.

Preténdese concienciar así ao alumnado da importancia do coidado da auga a través da literatura. E de que alumnado? Pois de todo: o de educación primaria e secundaria, o de educación especial e o das escolas de música. Trátase de que dean a súa visión «a modo de rap» sobre pasaxes estelares ou momentos cume das grandes obras da literatura galega nas que estea presente a auga. Con iso dáse un paso máis na concienciación sobre o coidado do medio ambiente e da auga como recurso natural escaso.

Os alumnos que participen, de maneira individual ou en grupos dun máximo de catro, deberán elixir un poema ou relato de entre os grandes clásicos da literatura galega que atopen no dominio público, e gravarán un vídeo, dende calquera dispositivo, no que fagan unha versión rap do poema ou relato elixido. Para participar, os vídeos, que terán unha duración máxima dun minuto, deberán enviarse por correo electrónico á dirección prensaescuela@lavoz.es, indicando no asunto «Concurso: Galicia, Auga, Literatura e Rap», ou ben entregarse en persoa en calquera das delegacións de La Voz de Galicia.

Queres ser o mellor xornalista de Galicia?

O concurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil está aberto a toda a comunidade escolar galega e busca que os alumnos, dende educación infantil ata bacharelato e formación profesional, se familiaricen coa lectura e o manexo do xornal, e que desenvolvan a súa capacidade de exposición e redacción baseándose en informacións publicadas na edición impresa ou na dixital de La Voz de Galicia (Mellor Xornalista Infantil) ou mediante traballos orixinais de elaboración propia (Mellor Xornalista Xuvenil).

Establécense as seguintes categorías:

Infantil

1.A. Alumnos de educación infantil e de primeiro e segundo de primaria.

1.B. Alumnos de terceiro, cuarto, quinto, sexto de primaria e educación especial.

Xuvenil

2.A. Alumnos de educación secundaria.

2.B. Alumnos de bacharelato e formación profesional.

Os traballos, que poden estar escritos tanto en galego como en castelán, deberán ser remitidos a este enderezo: Premio Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil. Programa Prensa-Escuela. La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, 84-85. Polígono Industrial de Sabón 15143 Arteixo (A Coruña).

E, por certo, tamén se poden entregar persoalmente en calquera das delegación de La Voz de Galicia.

ENTREVISTA MANUEL YÁÑEZ DABLANCA, MANEL | PROFESOR

«O que facemos é orientalos entre tantas obras e escritores como ten a nosa lingua»

Manel Yáñez Dablanca (Manel) naceu en Lugo («Dentro de murallas», aclara). Comezou a dar clase en 1988, e está en Ribadeo desde 1993. As súas materias son a Filosofía, a Ética, a Antropoloxía, a Psicoloxía... e unha materia nese centro que aposta polos contidos europeístas, optativa de libre configuración para primeiro de bacharelato, chamada Europa. É profesor no IES Dionisio Gamallo, de dita localidade da Mariña lucense, e o ano pasado catro dos seus alumnos acadaron o segundo premio no concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap, convocado por Prensa-Escuela en colaboración con Viaqua.

—Como foi a idea de presentarse?

—Participamos dende hai moitos anos no programa Prensa-Escuela, e intentamos aproveitar todos os instrumentos que poñedes ao noso alcance para facer máis amenos os contidos. O blog como medio de comunicación, as entrevistas, os artigos de opinión, o uso da prensa para a reflexión na aula, a visita dun xornalista... Cremos firmemente que introducir estes recursos educativos na aula é unha necesidade que enriquece e facilita o noso labor docente.

—Que pensaban os alumnos?

—Eles viron a oportunidade de facer o que lles gustaba con textos e autores que nunca pensaron que se adaptarían ao seu ritmo. Creron que era unha forma de darlle unha oportunidade a unha música que adoitan interpretar doutro xeito; e tamén, á inversa, que era unha forma de escoitar e facer falar aos textos clásicos con moderna sonoridade.

—En que curso estaban?

—En primeiro de bacharelato. Aínda 16 anos e xa con ritmo e flow.

—Quen elixiu o texto literario?

—Estudan literatura. O que facemos como profesores é orientalos entre tantas obras e tantos escritores e escritoras como ten a nosa lingua, e seleccionar, acoutar ou sinalar algunhas obras. Entre as obras suxeridas eles decantáronse por autores clásicos e, malia a dificultade das letras, atoparon en Eduardo Pondal e no seu «Queixume dos pinos» uns fragmentos que lles pareceron os máis idóneos polo ritmo e polo contido.

—Quen compuxo a música?

—Escolleron unha base libre en YouTube, como adoitan facer para as súas propias composicións. Ás veces tamén traballan sobre uns compases básicos e introducen variacións, incluso algunha vez compoñen fondos orixinais.

—Que instrumentos empregaron?

—Ningún, o son natural de fondo, o ritmo do poema... e o resto fluíu co flow.

—Vanse presentar este ano?

—Quixeran... pero non poden, non hai opción para o alumnado de bacharelato. Queren preparar unha nova versión ampliada do seu hit, e mesmo levan tempo falando de escoller varios fragmentos clásicos da literatura galega e adaptalos ao seu ritmo rapeiro.

> Cristóbal Ramírez