Eleccións autonómicas galegas á vista

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un dos líderes políticos dirixíndose ao público nun mitin durante a campaña das últimas eleccións autonómicas celebradas en Galicia, no 2016
Un dos líderes políticos dirixíndose ao público nun mitin durante a campaña das últimas eleccións autonómicas celebradas en Galicia, no 2016 CESAR QUIAN

O presidente da Xunta vén de chamar aos galegos ás urnas para o vindeiro 5 de abril

19 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 5 de abril elixiremos novo Parlamento en Galicia e, consecuentemente, un presidente da comunidade autónoma. A convocatoria chegou por sorpresa, cando aínda faltaban seis meses para que acabase o prazo marcado pola lei para a duración da actual lexislatura. O motivo do adianto electoral, segundo as explicacións do presidente da Xunta de Galicia, foi facer coincidir todo o proceso electoral co que se producirá tamén na comunidade vasca, tal e como veu sucedendo nas catro últimas convocatorias autonómicas. Esta noticia sitúanos ante un novo proceso electoral.

Achéganse tempos de gran actividade nos medios de comunicación e nos partidos políticos, e tamén de oportunidades para estar pendentes da información e comprobar como se organiza a nosa sociedade no marco dun sistema democrático.

Nesta ocasión o noso proceso electoral arrinca dunha decisión do presidente da Xunta de Galicia porque non se esgotou o tempo de catro anos fixado para a lexislatura. O procedemento neses casos discorre do seguinte xeito.

  • Paso 1: disolución do Parlamento. O Parlamento galego fora elixido o 25 de setembro do 2016 e o seu mandato estendíase durante catro anos; xa que logo, ata o 25 de setembro deste ano. Ninguén pode convocar eleccións mentres o Parlamento elixido estea en vigor. Pero o presidente da Xunta de Galicia ten a facultade de disolvelo se quere. Por iso, se decide adiantalas, como é o caso, o primeiro que debe facer é disolver a Cámara. Fíxoo cun decreto da Presidencia da Xunta emitido o pasado 10 de febreiro fíxoo.
  • Paso 2: convocatoria de eleccións. É necesario convocar de forma inmediata eleccións autonómicas. O mesmo decreto do 10 de febreiro que disolveu o Parlamento convocounas e fixou a data da súa celebración o 5 de abril. Determinou tamén que a campaña electoral comece o día 20 de marzo e termine o día 3 de abril e que a nova Cámara elixida quede constituída o día 5 de maio, ás once horas.
  • Paso 3: Goberno en funcións. Unha vez celebradas as eleccións, o presidente da Xunta e o seu Goberno vense privados do apoio que sustentaba o seu poder e, en consecuencia, quedan en funcións. É dicir, exercendo o poder en precario mentres se procede á constitución do novo Parlamento e dun novo Goberno. Durante ese período só poden tomar as decisións imprescindibles para o mantemento do funcionamento da autonomía.

Entramos xa que logo nun período electoral, que se caracteriza por ser un tempo de grande actividade nos partidos e nos medios de comunicación. É un proceso complexo de selección de persoas e de propostas de actuación política para os vindeiros catro anos. Búscanse líderes e redáctanse programas electorais. Esta efervescencia bríndanos a oportunidade de observar como funciona a democracia. Nas actividades, imos proporvos que vaiamos seguindo con atención os sucesivos acontecementos segundo vaian tendo lugar.

actividades 

A1. O primeiro que debedes facer é comprobar que se deron os pasos correctos para a convocatoria formal das eleccións. Os medios de comunicación deron cumprida información deles.

A2. Agora os partidos políticos teñen que preparar as listas dos seus candidatos e presentar cadanseu cabeza de lista para a presidencia do Goberno. É un momento de moita axitación política dentro dos partidos por conseguir estar nelas e nun bo posto. As tensións internas non son o importante. O importante son os resultados en dous aspectos: as posibles coalicións entre partidos que se poidan establecer -para iso hai de prazo ata o 21 de febreiro- e as listas de cada partido ou de cada coalición. Para todo isto teñen de prazo un período de catro días, do 28 de febreiro ao 2 de marzo. A proclamación definitiva dos aspirantes será o 9 de marzo. Nesa data teredes todos os datos.

  • Organizádevos coa axuda do profesor por grupos e repartídevos a tarefa. O obxectivo é clarificar a oferta política de cada partido ou coalición na provincia na que vivades.
  • Cada grupo deberá presentar a oferta do partido ou a coalición que lle tocou seguir.

A3. Cada partido publicará o seu programa electoral. Analizádeos tamén por grupos fixándovos nunha lista de puntos concretos. Por exemplo, que propoñen en materia educativa, en sanidade, respecto ao salario mínimo, en materia de pensións, en vivenda, etcétera. Póndevos de cordo na lista de aspectos que queirades analizar e aplicádea a todos e a todos os partidos ou coalicións.

A4. A campaña electoral comezará o día 20 de marzo, aínda que a propaganda política empezará a bombardearnos desde antes, durante o que se denomina a precampaña. Neste tempo os partidos convocarán mitins aos que asistirán os principais candidatos. Neles explicarán aos asistentes os puntos máis importantes dos seus programas electorais e criticarán os dos partidos adversarios. As cadeas de televisión e os xornais presentarán resumos de todos eles. É unha boa oportunidade para coñecer aos líderes principais e as súas habilidades dialécticas. A capacidade de convencer é unha virtude transcendental na vida política.

A5. Os medios de comunicación publicarán enquisas, pero o proceso intensificarase durante a campaña electoral ata a última semana, na que lei prohibe a publicación de enquisas.

  • Tomade nota das variacións que se vaian producindo nos partidos e coalicións que vos corresponderon a cada grupo.
  • Podedes facer un gráfico coas predicións do último día das enquisas. Comparádeos cos resultados reais finais cando se publiquen ao día seguinte das eleccións.

A6. Os resultados das eleccións coñeceranse o mesmo día 5 de abril. Empezará unha nova lexislatura e constituirase un novo Parlamento que, en principio, durará catro anos. Comparade a nova situación coa antiga.