O SARS-CoV-2, o coronavirus que ten o mundo en alerta

Patricia Barciela

LA VOZ DE LA ESCUELA

Escaparate dunha farmacia de Lugo con consellos para previr o contaxio
Escaparate dunha farmacia de Lugo con consellos para previr o contaxio Eliseo Trigo

O axente infeccioso que está a provocar COVID-19 non ten un tratamento específico

11 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os coronavirus son un grupo de virus comúns. Reciben o seu nome polos picos en forma de coroa na súa superficie. Algúns coronavirus só afectan os animais, pero outros tamén poden afectar os humanos. De feito, a maioría das persoas infectámonos con algún coronavirus humano nalgún momento da nosa vida. Habitualmente causan infeccións das vías respiratorias superiores que son de leves a moderadas, como o arrefriado común. Pero tamén poden chegar a provocar enfermidades máis graves, como a bronquite e a pneumonía.

Hai varios tipos diferentes de coronavirus humanos. Entre eles están os que causan a síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS) e a síndrome respiratoria aguda severa (SARS). E agora tamén o que provoca a enfermidade por coronavirus 2019 (COVID-19).

Como se propagan as infeccións?

Os coronavirus humanos adoitan propagarse dunha persoa infectada a outra a través do aire, ao tusir e esbirrar. Tamén polo contacto persoal próximo, como tocar ou dar a man a outra persoa. Outra vía é tocar un obxecto ou superficie co virus e despois tocar a boca, o nariz ou os ollos antes de lavar as mans. É moi raro que se transmitan polas feces.

Os síntomas das infeccións por coronavirus dependen do tipo de virus e da gravidade da infección. Se se contrae unha infección das vías respiratorias superiores de leve a moderada, como o arrefriado común, os síntomas poden incluír nariz que gotea, dor de cabeza, tose, dor de garganta, febre e malestar xeral. Algúns coronavirus provocan síntomas graves, xa que as infeccións poden converterse en bronquite e pneumonía, con febre, que pode ser bastante alta, tose con moco, dor no peito ou opresión ao respirar e tusir. As infeccións graves son máis comúns en persoas que xa padecen enfermidades cardíacas ou pulmonares, noutras con sistemas inmunolóxicos debilitados, en bebés e en adultos maiores.

Cales son os tratamentos?

Non hai tratamentos específicos para as infeccións por coronavirus. De feito, a maioría das persoas sandan por si soas. Con todo, pódense aliviar os síntomas con medicamentos para a febre e a tose. Tamén se pode usar un humidificador no cuarto, descansar moito e beber líquidos.

Neste momento non hai ningunha vacina para previr as infeccións por coronavirus humano. Pero podes reducir o risco de contraer ou propagar unha infección lavando as mans a miúdo con auga e xabón durante polo menos 20 segundos. Tamén podes usar un desinfectante de mans con polo menos un 60 % de alcol. Evita tocar a cara, o nariz ou a boca coas mans sen lavar e o contacto próximo con persoas enfermas. Resulta recomendable limpar e desinfectar as superficies que tocas con frecuencia. Outras estratexias son taparte cun pano de papel cando toses e esbirras, tirar o pano e lavar as mans. E, por suposto, quedar na casa cando estás enfermo.

Que son os xermes?

A palabra xermes refírese ás bacterias, os virus, os fungos e os protozoos microscópicos que poden causar enfermidades. Lavar as mans a conciencia e a miúdo é a mellor forma de impedir que os xermes produzan infeccións que provocan enfermidades.

AS BACTERIAS

As bacterias son organismos unicelulares diminutos que obteñen os seus nutrientes do ambiente onde viven. Nalgúns casos, ese ambiente será o organismo dunha persoa ou doutro ser vivo. Con todo, algunhas bacterias son boas para o noso organismo: axudan a que o sistema dixestivo funcione correctamente e impiden que entren as nocivas no seu interior. Ademais, algunhas bacterias utilízanse para fabricar medicamentos e vacinas. Pero as bacterias tamén chegan a causar problemas, como as caries, as infeccións do tracto urinario, as infeccións do oído ou a farinxite estreptocócica. Os antibióticos utilízanse para tratar infeccións de orixe bacteriana.

OS FUNGOS

Os fungos son organismos multicelulares parecidos ás plantas. Obteñen os nutrientes delas, dos alimentos e dos animais en ambientes húmidos e cálidos. Moitas infeccións por fungos, como o pé de atleta, non representan ningún perigo para unha persoa sa.

OS PROTOZOOS

Os protozoos son organismos unicelulares, como as bacterias, pero de maior tamaño, e teñen núcleo e outras estruturas celulares, o que os fai máis parecidos ás células das plantas e dos animais. Proliferan en ambientes húmidos. Por iso as infeccións intestinais e outras enfermidades que poden causar, como a amebíase, adóitanse transmitir a través da auga contaminada. Algúns protozoos son parasitos, o que significa que necesitan vivir sobre ou dentro doutros organismos (como un animal ou unha planta) para sobrevivir. Por exemplo, os protozoos que causan a malaria crecen dentro dos glóbulos vermellos, que acaban por destruír.

OS VIRUS

Os virus son máis pequenos que as bacterias. Non son nin sequera células completas. Só son material xenético (DNA ou RNA) empaquetado dentro dunha cuberta proteica. Os virus necesitan outras estruturas celulares para reproducirse, o que significa que non sobreviven a non ser que vivan dentro doutro organismo (unha persoa, un animal ou unha planta).

Os virus poden vivir durante unha cantidade moi reducida de tempo fóra de células vivas. Por exemplo, os virus contidos en fluídos corporais infectados chegan a vivir sobre superficies —como os mostradores, as mesas ou o inodoro— durante moi pouco tempo, pero morren enseguida a menos que invadan outro hóspede. Con todo, unha vez introducidos no corpo dunha persoa, proliferan rapidamente e poden facela enfermar. Os virus son os causantes dalgunhas enfermidades de pouca importancia, como o arrefriado común, das habituais, como a gripe, e doutras graves, como as vexigas ou a sida (provocada polo virus da inmunodeficiencia humana: VIH).

Os antibióticos non son eficaces contra os virus. Desenvolvéronse medicamentos antivirais, e as vacinas son a mellor ferramenta de prevención.