Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Serra do Courel presenta un aspecto espectacular durante a ponte de Santos

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

CARLOS RUEDA

Ríos e fervenzas superaron os efectos da seca e recuperaron por completo o caudal normal A relativa bonanza prevista para a ponte de Santos -para hoxe espéranse choivas, pero mañá haberá sol- ofrece boas oportunidades para visitar a Serra do Courel nunha época do ano especialmente propicia desde o punto de vista paisaxístico. Durante o outono, os típicos soutos de castaños e as devesas adquiren un espectacular colorido, que este ano experimentou un notable adianto debido ás anomalías meteorolóxicas.

01 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Os veciños da zona sinalan que na maioría dos bosques da serra, a follaxe está volvéndose amarela con bastante máis rapidez do que sucede habitualmente. A espesa vexetación mixta das devesas -como as de Rogueira, A Escrita ou O Cervo-presentan estes días un amplo abano de cores e tonalidades e prestánse particularmente ós paseos a pé. Os efectos da meteoroloxía fanse sentir tamén de forma especial, pero con efecto negativo, nos soutos do Courel, onde os últimos temporais causaron importantes estragos, ó igual que no resto de Galicia. Grandes cantidades de castañas foron arrincadas antes de tempo polos vendavais e os ourizos caídos das ramas forman unha espesa capa nos terreos dos soutos. A pesar dos contratempos meteorolóxicos, os amantes deste froito que visiten as localidades da serra terán sen dúbida máis dunha ocasión para degustalo durante esta fin de semana, mentres esperan pola tradicional Festa da Castaña do Courel, que este ano será en Folgoso e que non se celebrará ata o próximo día 10. O impacto negativo dos temporais vese compensado en parte polo feito de que as choivas corrixiron a seca que se rexistrou na zona ó longo dos últimos meses. Na actualidade, os ríos, arroios e fervenzas da serra xa recuperaron o caudal propio desta época do ano, devolvendo o seu espectacular aspecto a moitas paraxes, como é o caso da cascada do Fócaro, nas proximidades da Seara, no municipio de Quiroga. Os numerosos mananciais do Courel tamén recobraron o caudal normal e, ó contrario do que ocorreu durante os pasados meses, hoxe xa non queda ningunha fonte seca. O tempo chuvioso e húmido que se rexistra estes días no sur lucense fai aconsellable non esquecer os chubasqueiros e os paraugas á hora de iniciar o percorrido dalgunha das numerosas rutas de sendeirismo existentes na serra, pero tamén ofrece importantes compensacións. A vexetación autóctona do Courel móstrase máis brillante e multicolor que en calquera outra época do ano. Por outro lado, a presencia de nubes baixas e bancos de néboa outorga un especial encanto paisaxístico ás montañas.