Unha viaxe ó pasado recente de Monforte

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

O Concello presenta hoxe unha publicación que rememora episodios da vida cultural e social do municipio Os testemuños gráficos ocupan boa parte do libro «Recordos e tradicións»

06 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?a Casa de Cultura, ás oito e media da tarde de hoxe, presentarase o libro Recordos e tradicións. A Cultura en Monforte de Lemos , editado polo Concello, que repasa as iniciativas de carácter cultural levadas a cabo no ámbito municipal durante o pasado ano e rememora algúns dos antecedentes que tiveron as actividades deste tipo na cidade durante a segunda metade do século XX. A publicación ofrece unha serie de traballos realizados por diversos autores -acompañados por abundante material gráfico- que recrean episodios como o da fundación da primeira biblioteca municipal, en 1945, e o da construcción da Casa de Cultura, un proxecto iniciado polo Concello en 1960 e que por diversas circunstancias non chegou a plasmarse ata 1985. O edificio foi construído no lugar ocupado por unha antiga vivenda que pertencera ó alcalde Pedro Boo Pita. O libro ocúpase así mesmo dalgunhas iniciativas particulares que tiveron notable importancia na vida local, como a creación da Coral Renfe e a popular rondalla xuvenil que foi promovida por José Rodríguez Pallares entre os anos sesenta e oitenta. O repaso histórico pon de manifesto que, durante moito tempo, as actividades culturais organizadas polo Concello se limitaban ó período das festas patronais. A este respecto, o libro menciona casos significativos como os Xogos Florais que se celebraban nesas datas e o pregón das festas que pronunciou Ramón Otero Pedrayo no Teatro Lemos. Os contidos da publicación, por outro lado, non se limitan ás actividades culturais, xa que nas súas páxinas aparecen referencias a acontecementos sociais que no seu día despertaron un amplo interese entre os monfortinos. Tal é o caso da visita que realizou á cidade en 1960 a duquesa de Alba, Cayetana Fitz-James Stuart, para recibir o título de filla adoptiva do municipio.