TRIBUNA | O |
04 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.IMPOTENCIA: sensación que produce ver arder os montes. Espanto: recibir o día coa estampa dunha ladeira carbonizada. Incredulidade: pensar que realmente non hai nada que facer. Vai calor, pero iso xa non é unha novidade nestas datas. Despois de décadas de lumes devastadores, en Galicia segue fallando algo. Falla a planificación, as actividades preventivas e sobre todo a capacidade de entender que o monte xa non é o que era é por iso non doe. Non doe que un castiñeiro de douscentos anos de antigüidade se convirta en cinzas. Pero si que doe que non haxa caza ou que as primeiras chuvias do outono se acompañen de riadas. Pois terá que empezar a mancar antes porque senón teremos lume para rato. Despedir Galicia pola marxe do Sil é, dende que o lume arrasou a Serra da Lastra, unha postaliña con mensaxe: «cando ardín non había brigadas operativas». Pero non pasou nada. As institucións están en pé. Ergueitas cos seus xestores ordeando un reino tapado polo fume. Polas fiestras das súas atalaias cheira a chamusquina. Pero é culpa do sol, da calor, do seco que está o monte e de que é a primeira vez que sucede. A culpa do lume será como na canción, do chachachá.