As aves mariñas remontaron máis de 200 kilómetros de río para buscar alimento preto do casco urbano A presencia dos animais non é excepcional nesta época do ano, din os expertos
15 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O tramo urbano do Cabe está a servir de zona de pesca para varios cormoráns, que remontan máis de 200 quilómetros de río ?pasando polo Miño e o Sil? ata chegar a estas paraxes. O fotógrafo monfortino Jesús Rodríguez Montero captou nos pasados días unha serie de imaxes destas aves mariñas pescando á altura do barrio da Pinguela, dentro do casco urbano. A presencia destas aves nun lugar tan afastado da costa pode parecer sorprendente, pero en realidade non o é tanto, xa que entre os hábitos desta especie figura o de aventurarse terra dentro en busca de alimento. Segundo o presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, José Guitián, «a presencia dos cormoráns ten sido detectada moitas veces no interior de Galicia e por toda a bacía do Sil e non é excepcional que cheguen tan adentro. Poden aparecer incluso en lugares situados a 500 quilómetros da costa». Os encoros son os espacios máis frecuentados polos cormoráns cando efectúan estas incursións no interior ?explica Guitián? e así teñen sido vistos nos pantanos existentes na provincia de León. No obstante, tamén poden deterse nos ríos, sobre todo nos tramos máis amplos e de augas remansadas. Os cormoráns localizados en Monforte utilizan como zona de pesca un destes tramos, o da presa da Pinguela. O ornitólogo engade que estas viaxes ó interior son relativamente frecuentes en inverno. «O excepcional sería velos en primavera ou verán», afirma.